- Así o sinalou o sociólogo Jesús Cotelo ante os micrófonos do programa radiofónico Ecovoz, onde destacou a importancia dunha xestión integral dos residuos para avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos de recuperación e reciclaxe
Cerceda, a 21 de febreiro de 2024.- Jesús Cotelo, sociólogo e coordinador, por parte da firma Applus, do equipo de educadores encargado de atender o programa de visitas ás instalacións de Sogama, móstrase partidario de traballar a sostibilidade de forma transversal e desde todos os ámbitos (enerxético, adaptación ao cambio climático, construción, etc), xa que esta non debe visualizarse como unha opción, senón como unha necesidade.
Tal e como asegurou ante os micrófonos do programa “Ecovoz”, emitido por Radio Voz Galicia en circuíto rexional, “consumimos tres veces máis recursos dos que o planeta é capaz de xerar”, polo que a sostibilidade debe estar presente, de forma real, en todos os ámbitos da vida: desde o consumo consciente de cada día ata as viaxes e desprazamentos que podamos facer, así como a propia xestión dos residuos, na que os cidadáns debemos participar de forma activa e responsable.
Neste sentido, referiuse ás visitas que distintos colectivos, tanto de carácter educativo como técnico, realizan ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde descobren o que se fai e como se fai, tomando conciencia da complexidade dos procesos industriais e os avances tecnolóxicos implantados.
A través de vídeos inmersivos, os visitantes teñen a oportunidade de ver por dentro as instalacións, xunto coas súas operacións e maquinaria, e, no caso dos adultos, mesmo poden contrastar esa realidade virtual coa realidade física, obtendo con isto unha información moi enriquecedora.
O que máis sorprende aos grupos é o volume de residuos que se reciben en Sogama e os resultados que se obteñen ao traballar con eles: materiais preparados en paquetes para enviar aos centros recicladores e enerxía eléctrica, no caso da parte non reciclable.
O contedor marrón trae consigo grandes vantaxes
Así mesmo, referiuse á incorporación do contedor marrón ás rúas, destinado a acoller a materia orgánica, considerándoo un cambio moi importante pola implicación que vai ter na consecución do resto de obxectivos de reciclaxe. Así, explicou que se trata da fracción máis grande, polo que se se separa correctamente en orixe, a recuperación do resto dos materiais será moito máis doada e eficiente.
Sinalou que os concellos están a colocar os medios, desenvolvendo as campañas de información e dando servizo a grandes produtores, é dicir, establecementos que xeran cantidades importantes de restos de comidas ou restos vexetais, e que garanten coa súa achega unha importante recuperación de material.
Tamén se referiu aos grandes beneficios de que o contedor marrón estea dotado con chave ou tarxeta, pois con isto garántese que colabore unicamente a veciñanza comprometida, xa que é “fácil estragar o proceso se hai usuarios que depositan neste recipiente calquera tipo de refugallo”.
Cotelo considera que a mellora no cumprimento dos obxectivos de recuperación e reciclaxe pasa por unha xestión integral dos residuos que inclúa a aplicación da propia normativa municipal, os medios que se poñen ao dispor dos veciños, o servizo de recollida e a oportuna comunicación e educación ambiental, e todo isto culminado cun correcto tratamento.
Saúdos, Departamento de Comunicación