- Das 719 avaliadas a nivel mundial no marco do ranking 2018 de UI GreenMetric World University, as galegas atópanse entre as 300 primeiras.
- Este ranking avalía, con distintas porcentaxes, parámetros tales como a loita contra o cambio climático global, o uso eficiente da auga e a enerxía, a reciclaxe de residuos, a mobilidade sostible e a educación e investigación na materia.
Cerceda, a 16 de xaneiro de 2019.- O pasado 19 de decembro déronse a coñecer os resultados do ranking 2018 de UI GreenMetric World University, unha iniciativa da Universidade de Indonesia que se lanzou en 2010 co obxectivo de dar conta dos resultados dunha enquisa online sobre as condicións actuais e as políticas relacionadas co Green Campus e a sostibilidade nas universidades de todo o mundo, prestando atención a parámetros tales como a loita contra o cambio climático global, o uso eficiente da auga e a enerxía, a reciclaxe de residuos, a mobilidade sostible e a educación e investigación na materia
Dun total de 719 universidades avaliadas, as tres universidades galegas (Universidade da Coruña, Universidade de Vigo e Universidade de Santiago de Compostela) atópanse entre as 300 primeiras, ocupando os 10 primeiros postos as seguintes: Universidade de Nottinghan, en Reino Unido; Universidade de Connecticut, en Estados Unidos; Universidade de California, Davis, en Estados Unidos; Universidade College Cork National University de Irlanda; Universidade de Oxford, en Reino Unido; Universidade de California, Berkeley, en Estados Unidos; Universidade de Carolina do Norte, Chapel Hill, en Estados Unidos; Universidade de Bradford, en Reino Unido; Universidade de Sherbrooke, en Canadá; e a Universidade Northerastern, en Estados Unidos.
CRITERIOS E INDICADORES A AVALIAR
Avalíanse seis indicadores xerais, que computan con distintas porcentaxes. A contorna e a infraestrutura lévase un 15% e, a través do mesmo , móstrase se o campus merece o cualificativo de “Green Campus”. Neste caso, analízase, por exemplo, a proporción de espazo aberto, área do campus cuberta de bosque, de vexetación plantada e área para a absorción da auga.
A enerxía e o cambio climático representan un 21%, sendo o indicador con maior peso neste ranking. Aquí inclúense aspectos tales como o uso de electrodomésticos de baixo consumo, promoción das enerxías renovables, edificios intelixentes, consumo total de electricidade, construción ecolóxica, adaptación e mitigación do cambio climático, redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e pegada de carbono.
Pola súa banda, a xestión sostible dos residuos representa o 18%, cobrando aquí especial interese os programas de reciclaxe, a redución do consumo de papel e plásticos, o correcto tratamento de residuos orgánicos e inorgánicos, así como dos residuos tóxicos, e a eliminación de augas residuais.
A xestión eficiente da auga computa cun 10%, valorando, entre outros factores, a diminución do seu uso e a instauración de programas de reutilización e reciclaxe.
O transporte participa con outro 18%, toda vez que xoga un importante papel nas emisións de carbono. Limitar a cantidade de vehículos motorizados no campus constitúe un aspecto positivo a ter en conta, do mesmo xeito que a promoción do uso do autobús e a bicicleta, e o transporte público ecolóxico, cobrando tamén protagonismo a política de peatóns, facendo posible que camiñen polo campus.
A educación e investigación representa outro 18%, xa que a universidade contribúe en boa medida á formación e creación de conciencia en torno á necesidade de facer fronte aos problemas vinculados á sostibilidade. Aquí puntúanse cuestións tales como a relación de cursos na materia, financiamento da investigación neste campo, número de publicacións académicas sobre medio ambiente e sostibilidade, número de eventos vinculados e ata número de organizacións estudantís neste ámbito, así como a existencia dun sitio web específico e a publicación do correspondente informe de sostibilidade.
Fonte: UI GreenMetric
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación