- A empresa pública subministrou ao concello 25 composteiros que, sumados aos 25 entregados anos atrás, fan un total de 50 recipientes en funcionamento.
- Tamén proporcionou manuais didácticos destinados aos usuarios a fin de que estes conten cunha guía de axuda para a aplicación da técnica de autocompostaxe con garantías.
- Así mesmo, e en estreita coordinación co concello, educadores de Sogama impartirán unha sesión formativa dirixida aos veciños de Soutomaior na que, xunto coa compostaxe doméstica, cobrarán protagonismo outras boas prácticas na xestión sostible dos residuos.
Cerceda, a 7 de marzo de 2019.- Nunha decidida aposta pola reciclaxe da materia orgánica en orixe, o concello pontevedrés de Soutomaior amplía o seu programa de compostaxe doméstica co apoio de Sogama.
A empresa pública subministrou ao municipio 25 composteiros (de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para que sexan entregados noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
Desta forma, e tras unha primeira partida de 25 composteiros subministrados a este concello anos atrás, a localidade dispón de 50 recipientes destas características en funcionamento.
Adicionalmente, a empresa pública proporcionou ao ente local manuais didácticos destinados aos usuarios a fin de que estes conten cunha guía de axuda para a aplicación da técnica de autocompostaxe.
Así mesmo, educadores da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán no seu momento unha sesión formativa dirixida á cidadanía no seu conxunto na que, xunto coa compostaxe doméstica, cobrarán protagonismo outras boas prácticas na xestión sostible dos residuos tales como o consumo responsable, a redución da xeración de lixo, a reutilización e a correcta separación dos residuos en orixe para posibilitar o seu posterior reciclado.
BENEFICIOS
Os beneficios asociados á autocompostaxe son diversos e teñen unha dimensión ambiental, económica e social.
Desde a ambiental, e dado que o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por materia orgánica, se esta se recupera no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que propiciaría unha redución da frecuencia de recollida e transporte da bolsa negra por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2 á atmosfera.
Ademais, diminuíndo a cantidade de refugallos a entregar a Sogama tamén se minoraría o importe da factura a pagar á empresa pública, coa particularidade de que a compostaxe doméstica representa unha oportunidade para recuperar unha tradición no rural galego, como é a separación de restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Toda a información sobre este programa en www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación