- A empresa entregou a este Concello pontevedrés, e de forma gratuíta, unha nova partida de composteiros, facendo un total de 75 os recipientes achegados ata o de agora.
- Así mesmo, proporcionou ao ente local manuais de autocompostaxe para que, á súa vez, sexan distribuídos entre os veciños que participan nesta iniciativa.
Cerceda, a 10 de novembro de 2021.- Soutomaior (Pontevedra) decidiu ampliar, coa colaboración de Sogama, o seu programa de compostaxe doméstica, implantado anos atrás. Con tal fin, esta empresa pública proporcionou ao Concello unha nova partida de 25 composteiros que, sumada ás anteriores, fan un total de 75 os recipientes achegados ao ente local de forma gratuíta. Con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con esta iniciativa, o Concello avanza na recuperación dunha práctica arraigada no medio rural, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica que, ademais, trae consigo importantes beneficios ambientais e sociais.
Dado que os residuos orgánicos representan en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contedores para a fracción resto, circunstancia que se traduce nunha diminución da frecuencia do transporte e, por tanto, nunha diminución das emisións de CO2 á atmosfera, así como unha redución da cantidade de residuos a entregar a Sogama para o seu tratamento final.
Esta compañía proporcionou tamén ao ente local manuais didácticos de consulta destinados ás familias adscritas ao programa para que poidan coñecer de forma pormenorizada a técnica a aplicar.
Adicionalmente, teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar recursos divulgativos de utilidade tales como contidos en liña, vídeos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación