- A empresa pública entregou a este municipio 25 composteiros (de 390 litros de capacidade,) para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo.
- Con esta iniciativa, o ente local pretende lograr importantes beneficios ambientais e económicos ao posibilitar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e evitar o seu depósito no contedor verde convencional.
- Un total de 74 entidades da provincia de Lugo atópanse adheridas ao programa de autocompostaxe de Sogama (41 concellos, 26 centros educativos e 7 colectivos sociais).
Cerceda, a 14 de xullo de 2020.- O concello lucense de Taboada adscribiuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de que as familias participantes no mesmo poidan poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e que incluso actúa de protector fronte a pragas e enfermidades.
Sogama entregou ao ente local 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, horta ou terras de cultivo. En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e /ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Dado que a fracción orgánica representa aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, ao reciclala en orixe evítase o seu depósito no contedor verde convencional, co conseguinte aforro ambiental e económico para o concello.
A día de hoxe, un total de 350 entidades galegas (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 14.000 composteiros.
No caso da provincia de Lugo, distribuíronse máis de 3.000 recipientes entre 74 entidades (41 concellos, 26 centros educativos e 7 colectivos sociais).
Para os usuarios e interesados, a compañía habilitou no seu momento unha páxina web www.compostaconsogama.gal na que proporciona información sobre esta iniciativa, así como recursos didácticos, divulgativos e lúdicos para que os cidadáns poidan coñecer de forma máis pormenorizada o proceso, apliquen correctamente a técnica e obteñan un abono de alta calidade a fin de que reúna os requisitos para aplicarse na agricultura con todas as garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay