- Así se recolle na Memoria de Sostibilidade de ASPAPEL, na que tamén se deixa constancia dos grandes avances da industria papeleira do noso país en materia de descarbonización e economía circular.
Cerceda, a 9 de febreiro de 2022.- A Memoria de Sostibilidade publicada por ASPAPEL reflicte, tal e como asegurou a presidenta da asociación, Elisabet Alier, “o compromiso do sector papeleiro coa economía circular e a descarbonización, un camiño de logros e oportunidades como o uso de materia prima local, renovable e neutra en carbono; as moi altas taxas de reciclaxe, ou o lograr desacoplar as emisións de carbono do crecemento da produción, así como o crecente proceso de substitución de materiais que protagoniza o papel como alternativa a produtos non renovables e non biodegradables”.
Na súa sexta edición trienal, a Memoria de Sostibilidade do Papel estrutúrase ao redor dos catro eixos de actuación estratéxicos do sector: xestión forestal sostible, proceso produtivo eficiente e responsable, xeración de riqueza e contribución á calidade de vida e liderado en recuperación e reciclaxe.
REDUCIÓN DE EMISIÓNS
As medidas de eficiencia enerxética, o uso de biomasa como combustible (neutra en emisións de carbono, de acordo ao criterio establecido na Directiva de comercio GEI) e a coxeración son actualmente os tres piares da estratexia do sector en España en canto a redución de emisións.
As emisións totais de CO2 reducíronse un 25% con respecto a 2011 e as de SOx e NOx nun 86% e un 52% respectivamente.
RECICLAXE
As fábricas papeleiras españolas reciclan anualmente 5,1 millóns de toneladas de papel usado, situándose a taxa de reciclaxe no 78%.
O modelo español de recollida selectiva municipal monomaterial, baseado no contedor azul e reforzado con recollidas complementarias sistematizadas en pequeno comercio, colexios, oficinas… é un modelo de éxito e un referente en Europa. Isto é posible grazas á concorrencia de tres factores: un sistema de recollida altamente eficiente, coa implicación dos concellos e a colaboración masiva da cidadanía, un importante sector da recuperación e unha industria papeleira cunha gran capacidade recicladora (a segunda máis recicladora de Europa tras Alemaña) que garante a reciclaxe de todo o papel recollido en España conforme aos estándares europeos de calidade.
Fonte: ASPAPEL
Imaxe: Pexels