- A empresa pública enviou no seu momento ao ente supramunicipal un total de 200 composteiros para distribuír entre as distintas localidades
- Os cursos, que terán carácter presencial, levarán a cabo desde o 14 ao 17 de xaneiro, e nos mesmos explicarase aos asistentes os pormenores da autocompostaxe e os seus beneficios
- As sesións tamén serán aproveitadas para reforzar os coñecementos dos asistentes na recollida selectiva de residuos e resolver dúbidas
Cerceda, a 10 de xaneiro de 2025.- Logo da adhesión da Mancomunidade de Celanova ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia e a dotación, por parte desta empresa pública, de 200 composteiros para distribuír entre as vivendas participantes dos 8 concellos que a integran, técnicos da compañía desprazaranse a próxima semana ás distintas localidades para impartir cursos presenciais na autoxestión da materia orgánica.
O día 14 de xaneiro estarán en Pontedeva e Quintela de Leirado; o 15, en Verea e Celanova; o 16, en Gomesende e Ramirás; e o día 17, en Cartelle e A Merca.
No transcurso das sesións formativas explicarase aos asistentes como levar a cabo a práctica da autocompostaxe: desde a montaxe e a colocación do composteiro, que debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, ata a relación de restos orgánicos que deben -e non deben- introducirse no mesmo, a correcta mestura entre fracción húmida e seca, e o control de parámetros que influirán no resultado final, isto é, osíxeno, temperatura e humidade.
Os participantes tamén recibirán un manual didáctico no que se detallan os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade e mesmo se dá resposta ás preguntas máis frecuentes. En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/o elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente posibilitada polo composteiros.
A extensión da autocompostaxe permitirá ás familias transformar a súa materia orgánica nun recurso (compost) que regresa á terra para dar unha nova vida: plantas e cultivos, pechando o círculo da súa xestión.
Esta operativa, non só posibilitará que os veciños obteñan o seu propio abono natural e poidan prescindir da compra de fertilizantes artificiais, senón que se reduza a cantidade de residuos que acaban no contedor da rúa, propiciando con isto un aforro de custos, tanto ambientais como económicos.
As charlas tamén serán aproveitadas para falar da problemática inherente á alta produción de refugallos, a necesidade de aplicar cada día o principio dos tres erres (reducir a súa xeración, alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e propiciar a reciclaxe mediante a axeitada clasificación de residuos en orixe e posterior depósito nos contedores correspondentes) e resolver dúbidas.
Planning cursos formación