- Esta foi a mensaxe dos científicos, os responsables políticos e a cidadanía o pasado 5 de xuño, cando millóns de persoas celebraron o Día Mundial do Medio Ambiente 2022
- Advertiuse que o cambio climático causado polo home, a perda da natureza e a biodiversidade, e a contaminación e os residuos están a levar ao planeta a un punto de ruptura
Cerceda, a 30 de xuño de 2022.- “Temos unha soa Terra – e hai que protexela xa”. Esta foi a mensaxe dos científicos, os responsables políticos e a cidadanía o pasado 5 de xuño, cando millóns de persoas celebraron o Día Mundial do Medio Ambiente 2022.
Ao longo da xornada, advertiuse que o cambio climático causado polo home, a perda da natureza e a biodiversidade, e a contaminación e os residuos están a levar ao planeta a un punto de ruptura. O secretario xeral da ONU, António Guterres, pediu desde Estocolmo (Suecia), país anfitrión desta efeméride, un esforzo mundial unificado para deter a degradación do medio ambiente. "Sabemos o que hai que facer. E, cada vez máis, temos as ferramentas para facelo", dixo. "Pero aínda nos falta liderado e cooperación. Así que hoxe fago unha chamada aos líderes de todos os sectores: guíennos para saír desta lea".
ACCIÓNS E COMPROMISOS
O día foi testemuña dunha serie de compromisos relacionados co medio ambiente por parte de gobernos, empresas e grupos comunitarios.
Ademais das actividades en Estocolmo, celebráronse actos en máis de 150 países, tanto presenciais como non presenciais. Milleiros de persoas compartiron os seus esforzos para salvagardar a natureza e a Guía Práctica de “Unha soa Terra”, que resume algunhas das accións transformadoras que poden levar a cabo as organizacións e as persoas.
Un dos maiores distribuidores de Australia, Woolworths, anunciou que deixará de vender bolsas de plástico reutilizables de 15 centavos en todo o país, nunha eliminación gradual durante o próximo ano.
O maior supermercado en liña da India, Bigbasket, anunciou que eliminará os envases de plástico dos seus servizos de entrega de froitas e verduras.
Chile ratificou o Acordo de Escazú, que garante o acceso do público á información e a xustiza ambiental.
Na capital nixeriana, Abuja, a Xunta de Protección Ambiental da cidade anunciou que reducirá os residuos nun 30%.
Outros actos foron desde unha concentración de vehículos eléctricos no Cairo ata unha limpeza de praias en Perú, pasando por unha cicletada masiva en Bombai ou unha campaña de recollida de residuos electrónicos en Bucarest.
Decenas de millóns de persoas esixiron nas redes sociais unha acción urxente para restaurar e conservar o medio ambiente, e o #DíaMundialDelMedioAmbiente foi tendencia en Twitter.
Sexa cal sexa o medio ou o evento, a mensaxe é a mesma: o tempo acábase e é necesario actuar moito máis para evitar o desastre. "A tripla crise planetaria está a acelerarse, e por que? Porque consumimos o equivalente a 1,7 planetas ao ano", dixo Andersen en Estocolmo. "Temos unha soa Terra. Temos que aceptar que non estamos a facer o suficiente para protexela".
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente