- O obxectivo é proporcionarlles os coñecementos e as claves para que participen activamente nun modelo económico definido pola economía circular
- A formación está orientada á clasificación dos residuos en orixe e o correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes para facilitar o seu posterior reciclado
- O curso foi desenvolvido con recursos interactivos, audiovisuais e lúdicos para facilitar a aprendizaxe nun curto período de tempo
Cerceda, a 19 de abril de 2023.- Habida conta da importancia, cada vez maior, que ten a integración da sostibilidade nas estratexias empresariais para minimizar o impacto da actividade das compañías no medio ambiente e a sociedade, resulta necesario que os equipos humanos que as conforman, con independencia do seu perfil ou posto a desempeñar, dispoñan do coñecemento e a formación necesaria para participar activamente nun modelo económico definido pola economía circular.
Neste marco, TheCircularCampus, o espazo de coñecemento e formación en materia de economía circular para profesionais de empresas que forman parte de Ecoembes, vén de lanzar un curso en liña de sensibilización na área da reciclaxe a fin de que estes se impliquen en maior medida na separación dos residuos en orixe e os depositen correctamente nos distintos contedores de recollida selectiva, tanto no centro de traballo coma nos seus fogares e espazos públicos, a fin de promover a circularidade dos envases e facilitar que teñan unha segunda vida.
Este curso tamén explica, paso a paso, o proceso que fai posible a reciclaxe en España, axudando a desmontar mitos e exemplificando as aplicacións de cada material recuperado, así coma o beneficio ambiental que supón esta práctica no noso país.
Igualmente, ofrece unha ampla documentación que permite profundar nos coñecementos sobre economía circular, consumo responsable e reciclaxe de envases, e valse de formatos amenos, baseados na interactividade, o xogo e os recursos audiovisuais, para facilitar a aprendizaxe de calquera profesional, xa que non require de coñecementos previos.
O curso culmina cunha autoavaliación que, unha vez superada, permite ao usuario obter un certificado de TheCircularCampus.
Fonte e imaxe: Ecoembes