- Así reza a campaña que o Proxecto Libera leva a cabo, co apoio da Dirección Xeral de Tráfico, para evitar que se tiren residuos ás cunetas durante os desprazamentos que estes días se realizan en coche con motivo do comezo das vacacións de verán para unha boa parte dos españois
- Entre os riscos e consecuencias desta nociva práctica, Libera destaca os incendios, así coma os accidentes ou atropelos de fauna
Cerceda, a 3 de agosto de 2023.- Con motivo da operación saída de principios de agosto, na que se prevén case 9 millóns de desprazamentos en coche polas estradas españolas, o Proxecto Libera, de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, alerta sobre as consecuencias do abandono de residuos nas cunetas.
A través da campaña “Tirar basuraleza na estrada nunca leva a un bo lugar”, que desenvolve co apoio da Dirección Xeral de Tráfico, fai un chamamento sobre os riscos que provoca tirar residuos ás cunetas polos incendios provocados por cabichas mal apagadas ou restos de cristais, que poden acumular a luz nun punto, desencadenando un “efecto lupa” que inicie a ignición.
Doutra banda, a acumulación de lixo tamén aumenta o risco de inundacións, ao impedir o correcto funcionamento das vías de encauzamento da auga, coa particularidade de que a súa presenza en calzadas e estradas tamén pon en perigo a condutores e transeúntes, ao obrigalos a sortear os restos, converténdoos en causa directa de accidentes de tráfico.
Para evitar situacións como estas, resulta esencial concienciar, previr e contar coa colaboración de toda a poboación. Con tal fin, Libera dispón dun formulario no cal cada individuo pode sinalar a existencia dun 'punto negro de basuraleza', e que non pode ser recollida por voluntarios debido ás súas características de peso ou volume. En consecuencia, é necesario informar para que se encarguen as autoridades ou administración correspondente da súa eliminación.
De igual maneira, Libera sensibiliza á cidadanía a través de iniciativas como #MiPuebloSinBasuraleza, ás que poden sumarse os municipios que reciban gran parte deses desprazamentos estivais, para poñer en valor o patrimonio natural de todos os pobos e concienciar á sociedade da necesidade de mantelos libres de residuos.
Fonte e imaxe: Proxecto Libera