- Terá lugar, entre as 10:00 e as 14:30 horas, nas oficinas centrais desta empresa pública baixo o título “A compostaxe a escala local: compartindo experiencias”.
- Xosé Lago, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, estará presente no acto inaugural, xunto co presidente de Sogama, Javier Domínguez.
- Trala intervención da subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Verónica Tellado, portavoces da Deputación de Ourense e dos concellos de Carballo e As Pontes serán os encargados de dar a coñecer as súas experiencias en materia de compostaxe doméstica.
- Pola súa banda, Eduardo Soler, director da Sociedade de Actuacións Medioamientais (Limonium), con sede en Tarragona, exporá casos prácticos de compostaxe doméstica e industrial, mentres que o Dr. Joao Graça, da firma portuguesa Lipor, fará o propio no ámbito de actuación desta entidade.
- A xornada pecharase cunha visita guiada á nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa.
Cerceda, a 3 de xullo de 2019.- Baixo o título “A compostaxe a escala local: compartindo experiencias”, o Complexo Medioambiental de Cerceda acollerá mañá, entre as 10:00 e as 14:30 horas, un workshop enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2Valhum, do que forma parte en calidade de socio, e cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido.
Xosé Lago, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, acompañará a Javier Domínguez, presidente de Sogama, no acto inaugural, tralo cal intervirá Verónica Tellado, subdirectora xeral de residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen falará do papel da compostaxe no plan galego de residuos 2010-2022.
Portavoces da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Carballo e o Concello de As Pontes de García Rodríguez participarán no evento para dar a coñecer os seus respectivos proxectos de compostaxe, mentres que o Director da Sociedade de Actuacións Medioambientais (Limonium), Eduardo Soler, explicará a evolución da compostaxe, tanto doméstica como industrial, en determinados municipios de Tarragona. Tamén fará o propio o Dr. Joao Graça, da firma portuguesa Lipor, quen falará da achega entidade, tamén socia no Res2ValHum, á valorización da materia orgánica.
A xornada culminará cunha visita guiada por parte do director xeral de Sogama, Isidro García, á nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa coa que conta o complexo industrial de Cerceda e que forma parte do proxecto de ampliación do mesmo, ao igual que a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
En liña coa industria 4.0, esta instalación eríxese nun modelo a seguir no campo da innovación tecnolóxica aplicada a residuos permitindo a selección automática de 11 tipoloxías de materiais para propiciar a súa posterior recuperación.
A ampliación de Sogama permitirá cumprir con tres dos grandes obxectivos de Sogama: tratar en condicións óptimas os refugallos producidos polos 295 concellos adscritos ao seu modelo, multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro ata chegar en 2020 ao vertido técnico cero, de tal forma que só se verta aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación