- Co lema “Circular Economy, what are you doing?“ e baixo a organización de ATEGRUS, en colaboración con ISWA, celebrarase entre os días 7 e 9 de outubro no Pazo Euskalduna de Bilbao, tendo confirmado xa a súa asistencia máis de 1.200 persoas de 70 países.
- O programa inclúe un total de 250 conferencias que se desenvolverán en 6 salas paralelas e os contidos xirarán en torno a seis temáticas principais: cidades sostibles, tecnoloxías en xestión de residuos,i nnovación dixital, cambio climático, innovación social e lixo mariño.
- De entre os relatorios cos que se deleitará ao público, cabería destacar "How industry 4.0 transforms de waste sector", que moderará Antonis Mavropulos, presidente de ISWA, e "The future is round. Empowering women in Recycling and Circular Economy”, coordinada por Georgina Nitzsche, membro de WOW (Women of Waste), que opera dentro de ISWA.
- O Capitán Charles Moore, Mario Picazo e Nicola Cerantola figuran entre as estrelas invitadas.
Cerceda, a 4 de outubro de 2019.- Tras intensos meses de traballo e preparativos, xa está todo disposto para a celebración de ISWA 2019, o Congreso Mundial por excelencia en materia de residuos que se celebrará entre os días 7 e 9 de outubro no Pazo Euskalduna de Bilbao.
Bautizado co lema “Circular Economy, what are you doing? (Economía circular, que estás facendo ti?), o evento alcanza a edición número 29 e ao mesmo xa confirmaron a súa asistencia máis de 1.200 persoas de 70 países dos 5 continentes.
Trátase, por riba de todo, dunha cita coa sostibilidade no seu conxunto e na que, baixo a exquisita organización de ATEGRUS, darase conta das últimas novidades en xestión de residuos e economía circular.
O carácter anual de ISWA garante que, en cada edición, o Congreso se nutra con contidos actualizados e de gran calidade, sendo o marco idóneo para a presentación de numerosas publicacións e estudos. Configúrase así como unha ferramenta esencial para estar ao día dos proxectos que se desenvolven en distintos puntos do mundo e coñecer de primeira man os últimos movementos do mercado, as innovacións no ámbito ambiental e liñas de actuación que se están implementando en cidades pioneiras en economía circular.
A experiencia, bagaxe e prestixio internacional deste Congreso Mundial constitúe o seu mellor aval, erixíndose nun espazo de encontro capaz de congregar a empresarios, políticos, ecoloxistas, académicos e profesionais do sector.
Se ben a sesión inaugural levarase a cabo o vindeiro luns, 7 de outubro, a partir das 09:00 horas no Auditorio do Pazo Euskalduna, xa están previstos para esta fin de semana diversos encontros. De feito, hoxe mesmo celébrase a Xunta Directiva de ISWA na sede do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Bilbao e mañá, sábado, terá lugar a reunión dos membros do Comité Científico e Técnico na Biblioteca da Universidade de Deusto (CRAI).
As xornadas previas pecharanse o domingo coa Asemblea Xeral de ISWA, na que participarán un cento de delegados procedentes de 50 países membros nacionais da Asociación.
CONTIDOS DIVERSOS, TRANSVERSAIS E EN CLAVE CIRCULAR
Os contidos a abordar no congreso xirarán en torno a seis temas principais cos que se pretende dar resposta ás cuestións de maior interese a día de hoxe: cidades sostibles, tecnoloxías en xestión de residuos, innovación dixital, cambio climático, innovación social e lixo mariño.
O programa inclúe un total de 250 conferencias que se desenvolverán en 6 salas paralelas durante os 3 días. As sesións técnicas completaranse con debates e reunións de distintos grupos de traballo, ademais do Networking, visitas técnicas e un programa cultural e social que permitirá aos asistentes intercambiar puntos de vista, configurándose tamén como unha magnífica oportunidade para establecer contactos con empresas de primeiro nivel en investigación, desenvolvemento e innovación.
De entre os relatorios coas que se deleitará ao público, cabería facer mención especial ao que leva por título "How industry 4.0 transforms de waste sector", que terá lugar nunha das sesións previstas para o luns pola tarde e que moderará Antonis Mavropulos, presidente da ISWA, así como a denominada "The future is round. Empowering women in Recycling and Circular Economy”, que moderará Georgina Nitzsche, membro de WOW (Women of Waste), grupo que opera dentro de ISWA e cuxo obxecto é empoderar ás mulleres no mundo da xestión de residuos e a economía circular.
Así mesmo, cabería destacar a intervención do Capitán Charles Moore, autor do libro Plastic Ocean, que escribiu tras descubrir unha gran illa de plástico no medio do océano Pacifico; Mario Picazo, coñecido anos atrás como home do tempo na televisión e que hoxe exerce como profesor adxunto no Departamento de Ciencias Atmosféricas e Oceánicas da UCLA; e Nicola Cerantola, Enxeñeiro Mecánico dedicado ao Deseño Sostible, a Economía Circular e o Emprendemento Verde.
ISWA reforzarase cunha exposición comercial na que ao redor de 40 empresas e organismos de diversos países mostrarán os seus avances, produtos, ferramentas e técnicas relacionadas co tratamento e reciclaxe de residuos.
Máis información en https://iswa2019.org ; www.ategrus.org; e press@iswa2019.org
Saúdos, Departamento de Comunicación