- Desde o ano 2016, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea veu levando a cabo unha serie de misións orientadas a abandonar o caduco sistema de economía lineal e transitar cara a un circular que teña por obxectivo o uso eficiente dos recursos.
- En concreto, a DX Medio Ambiente materializou seis misións con este alcance en Chile, Perú, China, Sudáfrica, Colombia, Xapón, Indonesia e a India.
- O obxectivo non é outro que incrementar a cooperación internacional na política ambiental, comprender mellor os desafíos ambientais aos que se enfrontan os terceiros países e promover solucións ecolóxicas a través de asociacións comerciais.
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2019.- Trala aprobación do paquete de economía circular, en decembro de 2015, desde o ano 2016 a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea veu levando a cabo unha serie de misións orientadas a abandonar o caduco sistema de economía lineal e transitar cara a un circular que teña por obxectivo o uso eficiente dos recursos.
Nunha entrevista concedida á revista Environment for Europeans, o Director Xeral de Medio Ambiente, Daniel Calleja, explica como as devanditas misións (reunións políticas e empresariais de alto nivel en terceiros países) están apoiando esta transición desde unha dimensión mundial e axudando ás empresas europeas a atopar novos mercados.
En concreto, a DX Medio Ambiente materializou seis misións con este alcance en Chile, Perú, China, Sudáfrica, Colombia, Xapón, Indonesia e a India. O obxectivo non é outro que incrementar a cooperación internacional na política ambiental, comprender mellor os desafíos ambientais aos que se enfrontan os terceiros países e promover solucións ecolóxicas a través de asociacións comerciais.
A ecoinnovación, os produtos químicos e plásticos, os residuos, a xestión da auga, a contaminación mariña e as mellores prácticas ambientais constitúen algunhas das cuestións abordadas. A xuízo de Calleja “lograr unha economía circular entraña cambiar a mentalidade mundial”.
O pasado mes de setembro tivo lugar a quinta Misión de Economía Circular na India, país co que a UE traballa estreitamente en ámbitos tales como a loita contra o cambio climático, a xestión da auga, a mellora da calidade do aire, as enerxías renovables e a mobilidade urbana ecolóxica. As partes comparten moitas ideas e xa se tomaron medidas comúns respecto dos plásticos dun só uso.
Un recente informe da Fundación Ellen MacArther evidencia que a economía circular na India xeraría uns beneficios anuais superiores aos 500.000 millóns de euros para 2050, unha cifra que representa, segundo Calleja, un beneficio equivalente ao 30% do produto interior bruto actual da India.
Pola súa banda, outra misión realizada en outubro en Xapón e Indonesia fomentou políticas sobre sostibilidade e eficiencia de recursos en ambos países, abrindo a porta a mercados para empresas verdes da UE en sectores tales como a agroindustria, as renovables, tecnoloxía limpa, construción, saúde, tratamento de augas residuais, téxtis e prendas de vestir, e residuos nas súas diferentes tipoloxías.
Pero non todo son negocios, xa que, tal e como manifesta o Director Xeral, non se debe perder de vista a perspectiva xeral, toda vez que a economía circular é un modelo para a sostibilidade a longo prazo.
Destaca tamén a ratificación do Acordo de París e os obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, establecendo na mesma unha folla de ruta clara para erradicar a pobreza e lograr un maior benestar para todos mentres vivimos nun mundo de recursos limitados; uns obxectivos colectivos para cuxa consecución se necesita coalicións entre os Estados, a sociedade civil e o sector privado.
Fonte e imaxe: Comisión Europea
Saúdos, Departamento de Comunicación