- Con estes eixes de acción, a compañía pretende facer máis con menos, gañar en autosuficiencia e eficiencia, e aforrar custos
- Nun encontro informativo con medios, o presidente de Sogama lembrou que as medidas estatais supuxeron un desequilibrio económico para a empresa situado a día de hoxe en 33 M€, de aí a necesidade de actualizar o canon, que continuará a ser o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España
- Defendeu o modelo de xestión de Sogama, avalado e ratificado pola UE, que demostrou con creces ser o único que achega solucións á problemática de residuos en Galicia
- Asegurou que, se os concellos reducen a produción de residuos e fan unha boa recollida selectiva en orixe, o importe da factura aa pagar a Sogama podería verse reducido en preto dun 50%
Cerceda, a 18 de setembro de 2024.- Nun encontro informativo con medios de comunicación na sede de Sogama en Cerceda (A Coruña), o seu presidente, Javier Domínguez, explicou as grandes liñas do novo Plan Estratéxico que a empresa pública está a ultimar para o período 2024-2030 e cuxo contido se dará a coñecer no último trimestre do ano en curso.
Entre estas, destacou a transformación dixital para gañar en eficiencia e eficacia, apostando firmemente pola intelixencia artificial e a robotización; a descarbonización dos procesos industriais, substituíndo o uso de gas natural por un combustible renovable, potenciando ao mesmo tempo o uso do ferrocarril para o transporte de residuos; a ampliación da actividade da compañía á recuperación de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil; e a plena incorporación da economía circular ao seu labor, pretendendo evolucionar desde unha empresa de tratamento de residuos a unha empresa xeradora de recursos.
Domínguez expuxo que o novo plan, que xa se atopaba na folla de roteiro da compañía, axilizouse tralas medidas adoptadas polo Estado e que provocaron que, logo de varios exercicios consecutivos de estabilidade financeira, Sogama se atopase cunhas perdas económicas de 18 M€ en 2023.
Confía en que o novo itinerario a seguir permita facer máis con menos, gañar en autosuficiencia e aforrar custos, e como exemplo puxo unha das primeiras accións contempladas no plan. que foi a colocación de 3.332 paneis fotovoltaicos nos tellados do almacén de CDR (Combustible Derivados dos Residuos non reciclables), que cubren unha superficie de 8.568 m2, e que apoiarán o autoconsumo do Complexo industrial de Cerceda.
Desequilibrio económico de 33 M€
O presidente de Sogama lembrou que a aplicación dos impostos á vertedura e á incineración, contemplados na Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular (e contra os que a Xunta presentou alegacións, ás que non se sumaron nin a Fegamp nin a Femp), así como a supresión da retribución ao investimento e explotación de plantas auxiliares, e a recuperación do imposto eléctrico do 7%, supuxeron para a empresa un incremento de 39 euros no custo por tonelada de residuos tratada, que asumiu en solitario e que, a día de hoxe, estalle a ocasionar un desequilibrio nas súas contas de 33 M€.
Se ben os impostos á vertedura e á incineración emanan dunha directiva europea, o certo é que a meirande parte dos países do continente non os están aplicando, ben porque consideran que non cumpren os seus obxectivos, ou ben porque decidiron establecer moratorias aos mesmos.
Malia a actualización do canon de Sogama para 2024 e 2025, continuará a ser o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.
En contra da penalización do Estado, Domínguez Lino puxo de relevo a política do incentivo aplicada por Sogama desde o ano 2019 ao 2023, a través da cal se materializaron bonificacións económicas a aqueles concellos que acreditaron a súa contribución á reciclaxe, traducíndose nun aforro de máis de 20 M€ para as arcas locais. Ao mesmo tempo, a compañía puido realizar investimentos por máis de 100 M€, entre ps que cabería destacar a rede de infraestruturas (17 instalacións) para a compostaxe da materia orgánica (45 M€).
Neste sentido, fixo unha recomendación aos concellos, xa que, se reducen a produción de residuos e fan unha correcta recollida selectiva en orixe, diminuirán en gran medida o peso da bolsa negra, á que só debe ir a parte non reciclable, podendo verse minorado en preto dun 50% o importe da factura a pagar a Sogama.
Modelo avalado pola UE
Javier Domínguez defendeu o modelo Sogama, avalado desde os seus inicios pola Unión Europea a través da concesión de 72 M€, e ratificado posteriormente por unha auditoría externa e independente encargada pola CE, na que se destacou a súa firme contribución á protección do medio ambiente e a saúde, a xeración de riqueza e a creación de emprego, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
Igualmente, destacou que o sistema maioritario en Galicia cumpre fielmente coa xerarquía comunitaria ao priorizar a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, relegando a vertedura a último lugar por ser a opción máis nociva desde todos os puntos de vista. De feito, indicou que os vertedoiros rexistran un 175% máis de emisións de CO2 que as plantas de valorización enerxética, que son as instalacións máis vixiadas e sobre as que pesa unha rigorosa lexislación, moito máis esixente que a que rexe para outras industrias.
Sinalou que en Europa hai máis de 500 plantas de valorización enerxética en funcionamento, situadas maioritariamente nas propias cidades para abastecer de calor e electricidade ás comunidades veciñais, e que precisamente os países que máis reciclan, son tamén os que máis valorizan enerxéticamente e os que menos verten, con porcentaxes inferiores ao 4%. En España, pola súa banda, a vertedura supera o 50% de media, atopándose Galicia entre as comunidades que menos verten.
Saúdos, Departamento de Comunicación