- Recibiron formación a cargo desta empresa pública co obxectivo de instruílos no principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e asesoralos nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
- Todos eles atópanse desenvolvendo os seus proxectos de reciclaxe da man de Sogama, sendo a pretensión dos mesmos comprender e interiorizar as bondades da recuperación dos materiais que conforman o lixo xerado cada día.
- Con tal fin, a Sociedade Galega do Medio Ambiente proporcionoulles os medios necesarios, tanto materiais como didácticos e divulgativos.
Cerceda, a 23 de febreiro de 2022.- Tres dos 24 centros escolares galegos seleccionados para participar no programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, e que pertencen a Vigo, recibiron formación a cargo desta empresa pública co obxectivo de instruílos no principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e asesoralos nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
Trátase do CPR Plurilingüe “Atalaya-Cantabria”, o CEIP “Escultor Acuña” e o CPR Plurilingüe “Divino Salvador”. Todos eles atópanse desenvolvendo os seus proxectos de reciclaxe da man de Sogama, sendo a pretensión dos mesmos comprender e interiorizar as bondades da recuperación dos materiais que conforman o lixo xerado cada día, resultando indispensable unha correcta separación dos refugallos por tipoloxías e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa transformación en novos produtos. Desta forma, contribúese a aforrar enerxía e evítase o consumo das xa escasas materias primas virxes.
MEDIOS ACHEGADOS POR SOGAMA
Para que os centros poidan levar a cabo os seus traballos con garantías, esta empresa pública proporcionoulles os medios materiais e didácticos necesarios. Entre os primeiros, figuran as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores con capacidade para 120 litros (amarelo, azul e verde) a fin de que alumnos e docentes poidan depositar nos mesmos, e xa segregados en orixe, os residuos xerados no recinto escolar. Así mesmo, a aqueles colexios que dispoñen de servizo de comedor e contan con terreo, entregóuselles un composteiro para elaborar compost a partir da materia orgánica xerada. Desta forma obteñen un abono natural de alta calidade para aplicar na súa horta e/ou xardín, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Entre os segundos (recursos didácticos), figuran folletos, carteis, xogos físicos e en liña, vídeos, presentacións e outros soportes complementarios, maioritariamente de carácter lúdico, para que os pequenos se adentren na reciclaxe e leven a cabo tamén unha tarefa educativa e pedagóxica na súa contorna familiar e social máis inmediato.
Os educadores de Sogama son os encargados de visitar periodicamente aos 24 centros participantes nesta iniciativa, canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co fin de supervisar as tarefas realizadas, corrixir posibles erros e prestar asesoramento para que o programa cumpra o seu obxectivo: que a reciclaxe estea presente nas aulas e que se integre nos hábitos diarios do conxunto da comunidade educativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación