- Así o revelou unha enquisa global realizada por Ipsos, en colaboración con Plastic Free July, entre 20.513 adultos menores de 75 anos en 28 países
- Os máis favorables a esta medida son Colombia, Chile, México, Arxentina, China e India. E os menos favorables, Xapón, Estados Unidos e Canadá
- En España, o 78% dos enquisados móstranse a favor da prohibición
Cerceda, a 14 de marzo de 2022.- Segundo revelou unha enquisa global realizada por parte de Ipsos (en colaboración con Plastic Free July), entre 20.513 adultos menores de 75 anos en 28 países, tres de cada catro persoas avogan por que se prohíban os plásticos dun só uso canto antes.
Os países máis favorables a esta medida son Colombia (89 %), Chile e México (88 %), Arxentina e China (84 %) e India (83%). Precisamente estes dous últimos son os que maior cantidade de residuos plásticos dun só uso xeraron en 2019. Pola súa banda, os menos favorables son Xapón (37 %), Estados Unidos (55%) e Canadá (66%). En España, o 78% móstrase a favor da prohibición.
O 88 % dos enquisados cre que é esencial, moi importante ou bastante importante contar cun tratado internacional para combater a contaminación por plástico. Precisamente esta enquisa deuse a coñecer con carácter previo á celebración de Asemblea Ambiental das Nacións Unidas (UNEA) 5.2, onde as Nacións se comprometeron a elaborar un acordo xuridicamente vinculante.
Claras maiorías de consumidores en todos os países, e unha media global do 82%, tamén prefiren produtos que usen a menor cantidade posible de envases de plástico. Novamente, América Latina e os países BRIC mostran os niveis máis altos de acordo co 89% e 84% respectivamente.
A gran maioría das persoas nos 28 países están de acordo en que os fabricantes e comerciantes polo miúdo deben asumir a responsabilidade de reducir, reutilizar e reciclar os envases de plástico, cunha media mundial do 85 %. Os latinoamericanos son os que están máis de acordo (89%), seguidos dos europeos. A opinión pública en Xapón non é tan unánime, con só o 72%.
O director de Ipsos Australia, Stuart Clark, manifestou que "Estes resultados deixan moi claro que existe un forte consenso a nivel mundial de que os plásticos dun só uso deben retirarse da circulación o máis rápido posible".
Fonte: IPSOS
Imaxe: Pexels