- A petición dos entes locais, Sogama entrega aos mesmos unha nova partida de recipientes: 50 para Tui, que suma máis de 200 unidades; 25 para Salvaterra, que alcanzará as 120 unidades; e outros 25 para Pazos de Borbén, que superará as 220.
- Máis de medio milleiro de familias destes tres municipios terán a oportunidade de autoxestionar os seus residuos orgánicos e transformalos en compost.
- Máis aló dos beneficios ambientais, os Concellos poderán reducir custos, tanto na recollida e transporte do lixo, como no tratamento final, véndose minorado o importe da factura a pagar a Sogama.
Cerceda, a 5 de marzo de 2021.- Os Concellos de Tui, Salvaterra do Miño e Pazos de Borbén estenden os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a novas vivendas e fanno, unha vez máis, da man de Sogama.
Tui contará cunha nova partida de 50 recipientes, sumando desta forma máis de 200 composteiros aportados gratuitamente pola compañía. No caso de Salvaterra, e trala última dotación de 25 unidades, alcanzará os 120 recipientes distribuídos. Mesma cifra irase para Pazos de Borbén, superando este municipio os 220 composteiros.
Tomando como referencia dotacións anteriores por parte desta empresa pública, adscrita á Xunta de Galicia, máis de medio milleiro de familias destes tres municipios terán a oportunidade de autoxestionar en orixe os seus residuos orgánicos e transformalos en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, actuando como nutriente e servindo de escudo protector fronte a posibles pragas e enfermidades.
REDUCIÓN E RECICLAXE: BENEFICIOS AMBIENTAIS E ECONÓMICOS
Dado que a materia orgánica representa máis do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta porcentaxe se recicla no propio fogar, redúcese substancialmente a cantidade de residuos a depositar no contedor verde convencional. Isto trae consigo dúas importantes vantaxes: o ente local podería minorar a frecuencia de recollida e transporte de refugallos, recortando as emisións de CO2, e diminuiría as cantidades de residuos entregadas a Sogama para o seu tratamento final no Complexo Mediombiental de Cerceda (A Coruña), diminuíndo proporcionalmente o importe da factura a pagar a Sogama.
Con este programa de xestión de refugallos en orixe, recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente grazas aos composteiros. Con capacidade para 390 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e deben colocarse no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra para propiciar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Os usuarios son os encargados de depositar nos mesmos os residuos orgánicos, cunha proporción axeitada entre materia húmida e seca, controlando ao mesmo tempo parámetros crave (osíxeno, temperatura e humidade) para obter un compost de calidade que cumpra cos requisitos establecidos na normativa vixente e sexa utilizado na agricultura en substitución dos fertilizantes artificiais.
A operativa explícase nun manual didáctico que se entrega a cada familia participante no que se detallan os pasos a seguir na correcta aplicación da técnica, clarificando dúbidas e dando resposta ás preguntas máis frecuentes.
A día de hoxe, o programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama conta con 363 entidades adscritas (204 Concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais). Entre as mesmas repartíronse máis de 15.000 composteiros e impartiuse a correspondente formación.
No caso da provincia de Pontevedra, a empresa distribuíu un total de 5.300 recipientes entre 101 entidades (41 Concellos, 54 centros educativos e 6 colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación