- Serán entregados a outras tantas vivendas unifamiliares para que poidan reciclar os restos orgánicos en orixe e utilizar o compost resultante nos seus propios terreos.
- Con esta nova partida fan un total de 152 os recipientes entregados de forma gratuita a este concello pontevedrés por parte da empresa pública.
- Os veciños participantes tamén recibirán manuais didácticos de apoio.
Cerceda, a 9 de outubro de 2020.- O concello de Tui (Pontevedra) recorreu de novo a Sogama para ampliar o seu programa de compostaxe doméstica, que estende a 50 novas vivendas unifamiliares. Esta partida, sumada a outras anteriores, fan un total de 152 os recipientes destas características entregados de forma gratuita pola Sociedade pública.
Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. Xunto con estes recipientes, os veciños participantes recibirán manuais didácticos de apoio nos que se explica, de forma pormenorizada, os pasos a seguir para obter un compost de calidade: desde o emprazamento do propio composteiro, que debe colocarse nun lugar sombreado, protexido do vento e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais a depositar no mesmo e o control de parámetros clave como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O concello queda obrigado a facer un seguimento do programa e presentar a Sogama, no prazo de 1 ano, o correspondente informe, onde deberá dar conta da acollida desta iniciativa, a implicación e interese dos veciños e as dificultades e/ou limitacións coas que estes se atoparon. Unha valiosa información que permitirá a esta empresa pública coñecer a resposta cidadá ante un programa destas características con incuestionables beneficios: menor produción de residuos, obtención dun abono de alta calidade para ser aplicado ao solo con garantías e aforro medioambiental e económico, minorando os custos de xestión para as arcas locais.
Para complementar a información, os usuarios teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar recursos de utilidade.
A día de hoxe, Sogama repartiu máis de 14.300 composteiros en toda Galicia, materializándose a distribución dos mesmos a través dos concellos (máis de 200) adscritos ao seu programa de compostaxe doméstica.
Saúdos, Departamento de Comunicación