- Na COP26, que dou comezo onte e estenderase ata o vindeiro 12 de novembro, instará a todas as partes a que reduzan as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.
- Tamén solicitará aos países desenvolvidos a aumentar o seu financiamento para a loita contra o cambio climático co fin de alcanzar o obxectivo de 100.000 millóns de dólares acordado na capital francesa.
- Así mesmo, negociará con outras partes para ultimar o «código normativo do Acordo París», buscando un acordo que garanta a integridade ambiental dos mercados mundiais do carbono e que regule a transparencia e as obrigas de información.
Cerceda, a 2 de novembro de 2021.- Desde onte, e ata o próximo 12 de novembro, a Comisión Europea participará na COP 26 (Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático), que se celebra en Glasgow (Reino Unido).
A presidenta, Ursula Von der Leyen, representa á Comisión no Cume de Dirixentes Mundiais, mentres que o vicepresidente executivo, Frans Timmermans, dirixirá o equipo negociador da UE, contando igualmente coa participación da comisaria Kadri Simson.
A UE organizará máis de 150 actos paralelos no seu pavillón e vía en liña, abordando a través dos mesmos unha gran variedade de cuestións relacionadas co clima tales como a transición enerxética, o financiamento sostible e a investigación e innovación.
A Comisión instará a todas as partes a que cumpran os seus compromisos en virtude do Acordo de París e, por tanto, reduzan as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Tamén solicitará aos países desenvolvidos a que aumenten o seu financiamento para a loita contra o cambio climático co fin de alcanzar o obxectivo de 100.000 millóns de dólares comprometido en París.
En declaracións previas á COP26, a presidenta Ursula von der Leyen manifestou que “a carreira mundial por chegar ás cero emisións netas para mediados de século empezou. Traballando xuntos podemos ser gañadores todos. Na COP26 temos o deber de protexer o noso planeta para as xeracións futuras. En Europa, temos todo a punto para alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050 e reducir as nosas emisións en alomenos un 55 % de aquí a 2030”.
Pola súa banda, o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, sinalou que “é esencial que aproveitemos o peso da ciencia, o apoio popular e o intenso control público que traerán consigo as próximas dúas semanas a fin de avanzar con audacia na acción mundial polo clima. Só traballando xuntos poderemos protexer o futuro da humanidade neste planeta”.
FINANCIAMENTO
En virtude do Acordo de París, 195 países acordaron presentar determinadas contribucións a nivel nacional (CDN), que representan os seus obxectivos individuais de redución de emisións. No seu conxunto, estas CDN deberían contribuír a manter o cambio da temperatura media global por baixo dos 2° C e o máis preto posible de 1,5° C para finais deste século. O último Informe de síntese da CMNUCC, publicado recentemente, mostra que as actuais CDN non cumpren os obxectivos do Acordo de París, o que nos situaría camiño dun perigoso quecemento global de 2,7°C, con efectos extremadamente nocivos.
Os países desenvolvidos comprometéronse a mobilizar un total de 100.000 millóns de dólares anuais para a loita contra o cambio climático entre 2020 e 2025, pretendendo axudar aos máis vulnerables e aos pequenos Estados insulares, nos seus esforzos de mitigación e adaptación.
A UE é o maior doante, cunha contribución por riba da cuarta parte do obxectivo, e a presidenta Von der Leyen anunciou recentemente un importe adicional de 4.000 millóns de euros con cargo ao orzamento da UE ata 2027.
A UE negociará tamén con outras partes para ultimar o «código normativo do Acordo París», buscando un acordo que garanta a integridade ambiental dos mercados mundiais do carbono e que regule a transparencia e as obrigas de información.
Un mercado internacional do carbono que funcione correctamente pode xerar investimentos adicionais na transición ecolóxica e acelerar a redución das emisións de maneira eficiente desde o punto de vista económico.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pexels