- Con isto quérese mellorar a preparación e a resposta da UE ante as enfermidades infecciosas, desenvolver avións con baixas emisións, apoiar o uso de materias primas biolóxicas renovables para a xeración de enerxía, asegurar o liderado europeo en tecnoloxías e infraestruturas dixitais e facer máis competitivo o transporte ferroviario
Cerceda, a 24 de febreiro de 2021.- A Comisión Europea propuxo onte crear dez novas asociacións coa Unión Europea, os Estados membros e a industria a fin de acelerar a transición cara a unha Europa ecolóxica, climáticamente neutra e dixital, e facer que a industria europea sexa máis resiliente e competitiva.
Para isto, a UE achegará case 10.000 millóns de euros, financiamento ao que os socios deberán responder cun investimento como mínimo equivalente. Ao combinar ambas contribucións, agárdase poder mobilizar investimentos adicionais para as transicións e incidir positivamente no emprego, o medio ambiente e a sociedade a longo prazo.
Con esta proposta de institucionalizar as asociacións europeas quérese mellorar a preparación e a resposta da UE ante as enfermidades infecciosas, desenvolver avións con baixas emisións para unha aviación limpa, apoiar o uso de materias primas biolóxicas renovables para a xeración de enerxía, asegurar o liderado europeo en tecnoloxías e infraestruturas dixitais, e facer máis competitivo o transporte ferroviario.
As dez asociacións, algunhas baseadas en empresas comúns xa existentes, son as seguintes:
1. Global Health EDCTP3 (asociación Europa - países en desenvolvemento sobre ensaios clínicos): asociación que achegará novas solucións para reducir a carga das enfermidades infecciosas na África subsahariana e reforzará as capacidades de investigación.
2. Asociación europea para unha sanidade innovadora: esta iniciativa contribuirá a crear un ecosistema de investigación e innovación sanitaria en toda a UE que fará máis fácil plasmar os coñecementos científicos en innovacións palpables. Abarcará a prevención, o diagnóstico, o tratamento e a xestión de enfermidades.
3. Tecnoloxías dixitais clave: contempla os compoñentes electrónicos, o seu deseño, fabricación e integración nos sistemas e os programas informáticos que definen o seu funcionamento. O obxectivo xeral é contribuír á transformación dixital en todos os sectores económicos e ao Pacto Verde Europeo, así como apoiar a investigación e a innovación para a próxima xeración de microprocesadores.
4. Europa circular de base biolóxica: esta asociación contribuirá significativamente aos obxectivos climáticos de 2030 ao achandar o camiño para a neutralidade climática de aquí a 2050 e aumentará a sostibilidade e circularidad edos sistemas de produción e consumo, en consonancia co Pacto Verde Europeo.
5. Hidróxeno limpo: asociación que acelerará o desenvolvemento e despregamento dunha cadea de valor europea para tecnoloxías de hidróxeno limpo que contribúan a uns sistemas enerxéticos sostibles, descarbonizados e plenamente integrados.
6. Aviación limpa: asociación que pon á aviación en roteiro cara á neutralidade climática ao acelerar o desenvolvemento e despregamento de solucións disruptivas de investigación e innovación. O seu obxectivo é desenvolver a próxima xeración de avións ultraeficientes de baixas emisións, con fontes de enerxía, motores e sistemas novidosos para mellorar a competitividade e o emprego nun sector de especial importancia para a recuperación.
7. O ferrocarril de Europa: esta asociación acelerará o desenvolvemento e despregamento de tecnoloxías innovadoras, sobre todo dixitais e automatizadas, para transformar radicalmente o sistema ferroviario. Ao mellorar a competitividade, a iniciativa contribuirá ao liderado tecnolóxico europeo no sector.
8. Single European Sky ATM Research 3 (investigación sobre xestión do tráfico aéreo - Ceo Único Europeo): aquí o obxectivo é acelerar a transformación tecnolóxica da xestión do tráfico aéreo en Europa adaptándoa á era dixital para facer do espazo aéreo europeo o ceo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente do mundo e contribuír á competitividade e recuperación do sector da aviación europea tras a crise do coronavirus.
9. Redes e servizos intelixentes: esta asociación contribuirá á soberanía tecnolóxica en redes e servizos intelixentes seguindo a nova estratexia industrial para Europa. Trátase de axudar a resolver os retos sociais e posibilitar a transición dixital e ecolóxica, ademais de apoiar aquelas tecnoloxías que contribúan á recuperación económica.
10. Metroloxía: asociación cuxo obxectivo é acelerar o liderado mundial de Europa en materia de investigación sobre metroloxía establecendo redes europeas de metroloxía autosuficientes, capaces de apoiar e estimular novos produtos innovadores, responder ante os retos sociais e facer posible que se elaboren e apliquen con eficacia a lexislación e as normas técnicas en que se apoian as políticas públicas.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay