- O obxectivo das novas normas é protexer aos consumidores das prácticas enganosas e axudalos a tomar mellores decisións de compra
Cerceda, a 26 de setembro de 2023.- O Parlamento Europeo e o Consello da UE alcanzaron un acordo provisional sobre novas normas para prohibir a publicidade enganosa a través do que se coñece como ‘lavado verde’ ou greenwashing, e ofrecer aos consumidores unha mellor información sobre os produtos.
O acordo actualiza a lista comunitaria vixente de prácticas comerciais prohibidas e engade á mesma varios hábitos de comercialización problemáticos relacionados co “lavado verde” e a obsolescencia prematura dos produtos.
En todo caso, o obxectivo das novas normas é protexer aos consumidores das prácticas enganosas e axudalos a tomar mellores decisións de compra.
Os negociadores do Parlamento e o Consello acordaron proscribir o seguinte:
- Declaracións xenéricas sobre o medio ambiente, por exemplo «respectuoso co medio ambiente», «natural», «biodegradable», «neutro para o clima» ou «eco», sen probas dun excelente comportamento ambiental recoñecido e pertinente para a declaración;
- Comunicacións comerciais sobre un ben con algunha característica que limita a súa durabilidade, se se dispón de información sobre a característica e os seus efectos sobre a durabilidade;
- Afirmacións baseadas en sistemas de compensación de emisións de que un produto ten un impacto neutro, reducido ou positivo no medio ambiente;
- Etiquetas de sostibilidade non baseadas en sistemas de certificación aprobados ou establecidos polas autoridades públicas;
- Afirmacións de durabilidade en termos de tempo ou intensidade de uso en condicións normais, se non están demostradas;
- Incitar ao consumidor a substituír os consumibles, como os cartuchos de tinta da impresora, antes do estritamente necesario;
- Presentar as actualizacións de software como necesarias aínda que só melloren as características de funcionalidade;
- Presentar os produtos como reparables cando non o son.
Nova etiqueta para unha garantía ampliada
Os eurodeputados insistiron con éxito en facer máis visible a información sobre a garantía, xa que moitas persoas descoñecen que todos os bens gozan de alomenos dous anos de garantía na UE. Neste sentido, a Comisión encargarase de deseñar unha nova etiqueta para os produtores que desexen destacar a calidade dos seus produtos ampliando gratuitamente o período de garantía.
Para converterse en lei, o acordo provisional terá que recibir agora o visto e prace definitivo, tanto do Parlamento como do Consello. Agárdase que a votación dos eurodeputados teña lugar en novembro. A partir da entrada en vigor da directiva, os Estados membros terán 24 meses para incorporar as novas normas á súa lexislación.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels