- A colaboración formalizouse no marco do proxecto REDUSE-II de Cepesca, sendo Gravity Wave unha das empresas colaboradoras nos pilotos, encargándose de transformar estes residuos en mobiliario urbano
Cerceda, a 6 de xuño de 2022.- A Confederación Española de Pesca (CEPESCA) e a empresa Gravity Wave asinaron un acordo de colaboración para avanzar no tratamento e revalorización posterior das redes e aparellos de pesca ao final da súa vida útil.
O acordo rubricouse no marco do proxecto REDUSE-II de Cepesca, que ten como obxectivo contribuír á implantación futura dun modelo de xestión responsable de redes e aparellos de pesca que incorpore o criterio da responsabilidade ampliada do produtor para o tratamento e procesamento sostible de materiais, dando así cumprimento ao Pacto Verde europeo e á normativa europea de plásticos, trasposta na nova a Lei de Residuos.
Gravity Wave actuará como unha das empresas colaboradoras nos pilotos que se están a desenvolver en varios portos do noso país dentro de REDUSE-II a fin de xerar o coñecemento necesario para garantir que o novo modelo xestión pode escalarse cun risco operacional mínimo e de forma economicamente sostible.
Unha vez definidos os portos nos que se desenvolverán os pilotos, a actuación de Gravity Wave consistirá na xestión e transformación destes residuos en mobiliario urbano como, por exemplo, mesas, bancos, macetas ou papeleiras, en liña cos principios da economía circular.
O proxecto REDUSE-II é continuación do levado a cabo en 2021 (REDUSE) e desenvólvese en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP (Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro).
Fonte: Cepesca
Imaxe: Pixabay