- Desprazáronse ata a sede da empresa pública, en Cerceda, onde foron atendidos por educadores especializados e recibiron as oportunas explicacións sobre xestión sostible de residuos
Cerceda, a 25 de marzo de 2024.- Escolares dos municipios coruñeses de Ordes (3º de Primaria) e Tordoia (1º a 4º de ESO) visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para comprobar o tratamento que reciben os residuos producidos nas súas respectivas localidades.
A través de realidade virtual, e equipados con lentes inmersivos 360º, puideron desprazarse polas distintas plantas que conforman o complexo industrial e realizar o itinerario que seguen os refugallos recibidos, cuxo destino é a reciclaxe, no caso daqueles materiais que cumpran os requisitos necesarios para ser aproveitados por esta vía, ou ben a valorización enerxética, á que se destinan os non reciclables, evitando deste xeito que acaben depositados en vertedoiro, a opción máis nociva debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
Formación e xogos
A visita virtual estivoreforzada cunha sesión formativa impartida por educadores especializados ao servizo de Sogama, os cales, en primeira instancia, explicaron a problemática desencadeada pola elevada xeración de residuos, así como a necesidade de levar a cabo un consumo responsable e de aplicar cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Igualmente, trasladaron os pormenores do labor complementario exercido por Sogama, encargada da xestión da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor do mesma cor), que a entidade separa por tipoloxías nunha planta automatizada para remitilos aos correspondentes centros de reciclaxe, e tamén da bolsa negra, ou fracción resto introducida no contedor xenérico, a partir da cal, e a través de tecnoloxías de última xeración, a compañía consegue segregar os refugallos reciclables para envialos á industria transformadora, convertendo en electricidade a parte restante.
Sogama tamén asume a xestión da materia orgánica recollida a través do contedor marrón para a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo
Adicionalmente, os pequenos de ambos os dous municipios tiveron ocasión de poñer a proba os coñecementos adquiridos cunhas máquinas de xogos Arcade “Trash & Furious” e competir no dominio da recollida selectiva, destrezas, agudeza e nivel de atención.
Así mesmo, e como colofón, participaron nun coloquio cos monitores que lles permitiu resolver as súas dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación