- Leva por título “Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra” e enmárcase no proxecto europeo Res2ValHum, co que se pretende poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos urbanos.
- A través duns simpáticos microorganismos que viven baixo terra (Rufo, Pedro e Coco), enxálzanse os beneficios que este abono natural ten para o medio ambiente ao aportar nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento a animais e persoas.
- Cun enfoque lúdico e didáctico, e utilizando debuxos orixinais e inéditos, os nenos descobren un novo mundo de posibilidades, adentrándose plenamente no concepto de economía circular, baseado no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.
- Res2ValHum é un proxecto de cooperación transfronteiriza integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e no que participan un total de 7 socios (4 portugueses – Universidade do Minho, Lipor, Braval e CVR- e 3 galegos –Sogama, USC e CVAN).
Cerceda, a 11 de febreiro de 2019.- Co título “Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra”, sae á luz un conto infantil promovido por Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a través do cal o proxecto europeo Res2ValHum, no que participa esta empresa pública en calidade de socio, ensina aos pequenos os pormenores e bondades da compostaxe.
Coa axuda de Rufo, Pedro e Coco, uns simpáticos microorganismos que viven baixo a terra, onde invisten o seu tempo comendo restos orgánicos que logo converten nun slime máxico que se chama compost, enxálzanse os beneficios que este abono natural ten para o medio ambiente ao aportar nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento a animais e persoas.
De feito, ver as plantas crecer constitúe o mellor premio para estes tres simpáticos personaxes, os cales animan aos nenos a facer compost no cole ou na aldea, e invítaselles a que, cada vez que sobre comida nos seus fogares, se acorden de Rufo, Pedro e Coco, que os estarán esperando coa boca aberta.
Con esta publicación preténdese poñer en valor as posibilidades que a compostaxe ofrece ao permitir a transformación da materia orgánica contida nos residuos nun abono natural con alto poder fertilizante, permitindo pechar o círculo de aproveitamento da mesma ao devolvela á terra.
Así, e desde unha dimensión lúdica e didáctica, con debuxos orixinais e inéditos, os nenos descobren un novo mundo de posibilidades, adentrándose plenamente no concepto de economía circular, baseado no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.
Este conto, editado en formato dixital, farase chegar a todos os centros escolares de infantil e primaria de Galicia, permanecendo a disposición dos interesados en www.sogama.gal.
SOBRE RES2VALHUM
Res2ValHum é un proxecto de cooperación transfronteiriza integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e no que participan un total de 7 socios (4 portugueses e 3 galegos). Por parte de Portugal, a Universidade do Minho, que asume o seu liderado, sendo o principal beneficiario, o CVR (Centro de Valorización de Residuos), LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto) e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). E, por parte de Galicia, SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), USC (Universidade de Santiago de Compostela) e CVAN (Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L)
O principal obxectivo desta iniciativa é enxalzar as vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, con amplas posibilidades, non só na actividade puramente agrícola ou como remediador de solos contaminados, senón ata no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
Entre outras actividades, o proxecto inclúe a caracterización dos residuos orgánicos producidos en Galicia e Norte de Portugal, a avaliación e optimización do compost xerado a fin de incrementar o seu contido en sustancias húmicas, tendo en conta o seu perfil químico e actividade biolóxica, e a valorización do mesmo para incrementar as súas utilidades. Así mesmo, representa unha magnífica oportunidade para estreitar lazos a ambos os dous lados da fronteira, intercambiar experiencias e coñecementos para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.
Dotado cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, Res2ValHUm estará en vigor ata setembro de 2019.
Enlace descarga conto:
http://www.sogama.gal/sites/default/files/Cuento%20gallego%20baja.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación