- Así o manifestou no programa radiofónico Ecovoz a súa coordinadora, Pilar Piñeiro, quen fixo un balance da andaina deste curso específico ao longo dunha década, saldándose con 200 profesionais formados e incorporados ao tecido empresarial galego.
- O pasado ano este Máster recibiu o Premio Aproema na modalidade de centros académicos universitarios e a través do cal se recoñecía os mellores proxectos relacionados coa sostibilidade.
- Recordou que a sostibilidade pivota sobre tres alicerces fundamentais: o ambiental, o social e o económico, e que todos, sen excepción, son importantes.
- O perfil do alumnado deste Máster é moi diverso porque, tal e como asegurou “todo se pode combinar coa sostibilidade”.
- Augura que, nun escenario definido polo cambio climático, probablemente o mercado demande profesionais que poidan desenvolver o seu labor en todo o relacionado coa eficiencia enerxética e a economía circular.
Cerceda, a 23 de maio de 2019.- Cando falamos do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo, que coordina Pilar Piñeiro, non falamos dun máster máis. Falamos dun dos másters por excelencia no ámbito da sostibilidade e do que saíron grandes profesionais que hoxe están liderando, nuns casos, e contribuíndo, noutros, ao necesario tránsito que debemos realizar desde o obsoleto modelo de economía lineal a un circular.
Cunha década as súas costas, o camiño non foi fácil, pero o empeño da organización, o carácter transversal da formación e un equipo docente propio da “Champion League”, foron factores de peso para que este curso específico se atope na elite. Non en van, o pasado ano recibiu o Premio Aproema (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais) na modalidade de centros académicos universitarios, a través do cal se recoñecía os mellores proxectos relacionados coa sostibilidade.
O resultado de 10 anos de intenso traballo xa está no mercado: 200 profesionais formados e incorporados ao tecido empresarial galego.
EQUILIBRIO ENTRE MEDIO AMBIENTE, ECONOMÍA E SOCIEDADE
Nunha entrevista concedida ao programa radiofónico Ecovoz, Pilar Piñeiro puxo de relevo o carácter transversal da formación dispensada, que pivota sobre os tres alicerces fundamentais da sostibilidade: o ambiental, o social e o económico.
Tal e como explicou “moitas veces pénsase que o desenvolvemento sostible é un desenvolvemento respectuoso co medio ambiente, pero tamén ten que ser respectuoso coas persoas e que sexa viable economicamente”, ao que engadiu “se a parte económica falla, o sistema non vai funcionar”.
Expuxo que as empresas e organismos que traballan con enfoques de sostibilidade, non só obteñen beneficios ambientais e sociais, senón tamén económicos. “As cousas, unicamente por buenismo, non funcionan”, salientou.
Explicou que o destino laboral dos alumnos deste Máster depende moito da súa formación previa e dos seus intereses. Algúns inclínanse cara a área da consultoría, outros cara a dos residuos, o marketing, a información, etc. En todo caso, incidiu en que o campo de traballo é moi amplo, especialmente nun momento como o actual no que a economía circular está collendo forza.
Piñeiro concede tamén gran importancia á comunicación. “É importante que os organismos e empresas leven a cabo iniciativas, pero que tamén as comuniquen”. De aí que considere que o marketing ecolóxico e o xornalismo ambiental poidan ter gran proxección, coa particularidade de que a nova lei de información non financeira obriga ás empresas a mostrar o que fan.
“SOMOS COMO UNHA PEQUENA ONU”
O perfil do alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible é moi diverso porque todo se pode combinar coa sostibilidade: economía ambiental, dereito ambiental, xornalismo ambiental, calquera tipo de enxeñaría, turismo, socioloxía, dereito, xornalismo... “Somos como unha pequena ONU”, bromeou.
O alumnado estranxeiro tamén é habitual neste Máster. Conta con alumnos de distintas partes do mundo, o que lles enorgullece enormemente.
“A SOCIEDADE TEN QUE ACTUAR”
Piñeiro considera que, se comparamos a situación actual coa de fai dez anos, agora podemos dicir que a sostibilidade está na axenda da sociedade, aínda que non tanto na dos políticos, pero confía en que, co tempo, isto mellorará. “O cambio climático está aí e a sociedade ten que actuar. Os propios consumidores van demandar que as empresas sexan máis respectuosas co medio ambiente”.
Augura que, neste escenario, probablemente o mercado demande profesionais que poidan desenvolver o seu labor en todo o relacionado coa eficiencia enerxética e a economía circular, coa que se persegue que os recursos permanezan o maior tempo posible no sistema. “Estamos falando de reutilizar, de repensar os produtos, de utilizar materiais reciclados e fontes de enerxía renovable; en definitiva, estamos falando de sostibilidade”.
Saúdos, Departamento de Comunicación