Noticias
Un equipo de químicos crea un recubrimento antibacteriano e biodegradable para produtos alimenticios
- Trátase dunha película baseada no quitosano, un polisacárido que se atopa nos caparazóns dos cangrexos ou en fungos.
- Os polisacáridos non teñen un efecto negativo na saúde, son biodegradables e non tóxicos.
- A película non ten cor nin sabor e pode aumentar a vida útil de diferentes artigos de 2,5 a 8 veces.
Cerceda, a 26 de outubro de 2020.- Un equipo de químicos da Universidade de RUDN (Rusia) creou un recubrimento antibacteriano para produtos alimenticios. A mestura consiste en dous compoñentes que son seguros para a saúde humana e forman unha película fina, non tóxica e biodegradable. A película non ten cor nin sabor e pode aumentar a vida útil de diferentes artigos de 2,5 a 8 veces. Os resultados do estudo publicáronse na revista Food Packaging and Shelf Life.
Os envoltorios de alimentos adóitanse producir a partir de compostos químicos baseados en polímeros sintéticos como o polietileno e o polipropileno. Estes materiais son negativos para o medio ambiente e tardan centos de anos en descompoñerse se non se xestionan axeitadamente. Naturalmente, o envoltorio debe protexer os alimentos e non conter toxinas que poidan contaminalos, pero tamén é importante que se descompoña sen deixar rastro logo de ser usado.
Así, os investigadoresd esenvolveron este revestimento a partir de polisacáridos, macromoléculas naturais que son compoñentes básicos dos organismos vivos, que non teñen un efecto negativo na saúde, son biodegradables e non tóxicos.
Os recubrimentos antibacterianos suxeridos neste traballo baséanse no quitosano, un polisacárido que se atopa nos caparazóns dos cangrexos ou en fungos.
Para probar o seu invento, o equipo envolveu varios plátanos na película durante 10 días. Ao longo do experimento, os científicos mediron o seu peso, o contido de vitamina C e o nivel de emisión de dióxido de carbono. Logo de 10 días estes parámetros foron comparados cos resultados do grupo de control, que se mantivo sen recubrimento. Os froitos recubertos perderon 3 veces menos peso e 8 veces menos vitamina C, e a frecuencia da súa «respiración» foi 2,6 veces menor (é dicir, os procesos metabólicos que se asocian coas emisións de CO2 ralentizáronse).
Grazas a estas propiedades, as películas a base de quitosano poden ser utilizadas para almacenar produtos alimenticios. E despois de que unha película é usada, descompoñerase sen causar dano ao medio ambiente.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional