- O 88% dos enquisados afirma que reutiliza agora máis que antes; destes, un 63% asegura ter tomado conciencia de que non é necesario adquirir produtos novos cando hai outros usados que poden dar o mesmo servizo, e un 25% cre que é unha boa alternativa para momentos economicamente complicados.
- Así mesmo, o estudo indica que o concepto de economía circular aínda é descoñecido para o 54% dos españois.
- Respecto da loita contra o cambio climático, o 68% considera que toda a cidadanía debe tomar parte. O 40% traslada que fai todo o que está na súa man e o 58% intenta practicar hábitos sostibles, pero é consciente de que podería facer moito máis.
Cerceda, a 22 de decembro de 2020.- Segundo un estudo da app de consumo responsable Gratix, que permite regalar obxectos que xa non se usan e pedir os que se necesitan, o concepto de economía circular aínda é descoñecido para o 54% dos españois.
Os resultados dunha enquisa realizada entre 400 persoas maiores de idade de todo o país, apuntan a que o 34,5% asegura ter oído algo sobre economía circular, pero non sabería explicar en que consiste, e o 19,5% recoñece non ter óido falar nunca deste novo modelo de produción e consumo que aposta por reciclar, reparar e reutilizar bens xa existentes, aumentando o seu ciclo de vida, en lugar de empregar novos materiais para producilos, reducindo así a xeración de residuos e o impacto ambiental.
En relación ao cambio climático, o 68% dos enquisados considera que toda a cidadanía debe tomar parte na loita contra este fenómeno. O 40% traslada que fai todo o que está na súa man e o 58% intenta practicar hábitos sostibles, pero é consciente de que podería facer moito máis.
En canto aos bens ou obxectos que xa non utilizan, o 64% asegura que se desfán deles procurando reciclalos ou levalos a un punto limpo; un 7% tíraos directamente ao lixo e un 11% acumúlaos na casa ou no trasteiro. Pero son notables as porcentaxes dos que buscan o xeito de darlles unha segunda vida: un 37% véndeos a través de plataformas de compravenda de segunda man, un 31% regálaos a algún familiar, amigo ou coñecido, e un 21% dóaos a asociacións ou ONG.
O 76% indica que lle fai sentir ben saber que as súas pertenencias poden seguir aportando valor a outras persoas; un 22% quítase un peso de enriba por desfacerse de iso sen ter que tiralo estando en bo estado; e un 15% sente que está contribuíndo a un modelo de consumo máis responsable, sostible e respectuoso co medio ambiente.
En canto a se reutilizan produtos en lugar de compralos novos, tan só hai un 12% que prefire compralo todo novo. O 88% restante divídese entre os que, con frecuencia, compran bens de segunda man (26%), quen só o fai ás veces e con determinado tipo de produtos (54%) e quen só reutiliza cousas que lle regalou alguén que coñece (8%).
Entre os motivos que lles levan a reutilizar produtos, destacan os que fan referencia ao aforro: o 47% admite que lle gusta esta práctica porque é posible atopar cousas en moi bo estado por un prezo moi inferior; e o 43% faino porque é bo para a economía doméstica. Non obstante, un 38% valora a posibilidade de aproveitar algo que outra persoa xa non necesita e ao mesmo tempo evitar un gasto innecesario, e un 22% afirma que lle gusta practicar un consumo responsable.
A enquisa revela tamén que a tendencia á reutilización de bens de consumo está crecendo nos últimos anos: o 88% dos cidadáns afirma que reutiliza agora máis que antes. Destes, un 63% indica ter tomado conciencia de que non é necesario adquirir produtos novos cando hai outros usados que poden dar o mesmo servizo, e un 25% cre que, en momentos economicamente complicados, é unha alternativa que permite dispoñer daquilo que se precisa sen necesidade de compralo.
COMUNIDADE unida polo CONSUMO RESPONSABLE
A iniciativa Gratix púxose en marcha hai pouco máis dun ano co fin de promover a reutilización, a economía circular e o consumo responsable. Hoxe conta xa con máis de 75.000 membros rexistrados en toda España.
En contraste cos resultados da consulta xeral, dentro da comunidade de Gratix realizouse unha enquisa paralela a unha mostra de 523 usuarios, e o 74% deles si ten claro o que é a economía circular. E reutilizan moito máis que a media, antepoñendo o desexo de dar unha segunda oportunidade a obxectos en bo estado (37%) e por responsabilidade social e medioambiental (34%) antes que por motivos económicos (25%). Do mesmo xeito, á hora de desprenderse de obxectos que xa non necesitan, o 66% regálaos a familiares, amigos ou coñecidos, e o 38% dóaos a ONG ou asociacións.
Fonte: Gratix
Imaxe: Pixabay