- Desenvolveu unha tecnoloxía que permite crear bioplásticos a partir de bacterias alimentadas con residuos orgánicos procedentes da industria agroalimentaria, resultando un produto 100% biolóxico.
- O bioplástico obtido pode utilizarse en embalaxes, biomedicina, adhesivos ou ata en impresión 3D.
- Este premio recoñece os modelos de negocio enfocados á reciclaxe e a prevención de refugallos e conta cunha dotación en metálico para o ganador de 25.000 euros.
Cerceda, a 9 de outubro de 2019.- A start-up de biotecnoloxías VEnvirotech, autora do desenvolvemento dunha tecnoloxía que permite crear bioplásticos de polihidroxialcanoatos (PHAs) utilizando bacterias, atópase entre os finalistas da sexta edición do premio Green Alley Award
As bacterias usadas aliméntanse con residuos orgánicos procedentes da industria agroalimentaria, o que fai que o seu bioplástico sexa un produto 100% biolóxico. Ademais, todo o proceso ten lugar nun contedor que se pode aloxar nas propias instalacións dos clientes, o que reduce as emisións procedentes do transporte. O bioplástico resultante pode utilizarse en embalaxes, biomedicina, adhesivos ou ata en impresión 3D.
O resto de finalistas son a compañía danesa Cellugy, as alemás Flustix e RMF Tech, a estoniana Gelatex e a francesa LivingPackets, que desenvolveron solucións relacionadas coa prevención e reutilización de residuos, o empaquetado ecolóxico e as tecnoloxías dixitais enfocadas a promover a economía circular.
A esta edición dos premios presentáronse un total de 274 compañías, 28 das cales eran españolas, o que permitiu ao noso país multiplicar por seis o número de candidaturas respecto das materializadas en 2018 e converterse no terceiro de Europa con máis candidatos, por detrás de Alemaña e Reino Unido.
O premio Green Alley Award recoñece os modelos de negocio enfocados á reciclaxe e a prevención de residuos e conta cunha dotación en metálico para o gañador de 25.000 euros.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación