- Asegúrase que, tres anos logo da súa adopción, as 54 accións do plan xa foron executadas ou ben atópanse en proceso de execución.
- Entre outras iniciativas, destácase a Estratexia Europea para o Plástico, a Alianza Circular sobre os Plásticos, as normas sobre artigos de plástico dun só uso e as artes de pesca, e o maior investimento en innovación.
- Respecto da xestión de residuos, en xullo de 2018 entrou en vigor unha nova normativa que aposta por taxas máis ambiciosas de reciclado e medidas reforzadas de prevención e xestión
- En relación aos retos pendentes, o documento faise eco da necesidade de realizar maiores esforzos para aplicar a lexislación revisada de residuos e fomentar mercados para as materias primas secundarias, debendo abarcar tamén outros sectores cun elevado impacto ambiental, pero con potencial de circularidade.
Cerceda, a 6 de marzo de 2019.- A Comisión Europea publicou un informe sobre a aplicación do Plan de Acción para a Economía Circular, adoptado en decembro de 2015, no que dá conta dos resultados do mesmo, así como dos retos que aínda quedan pendentes.
As conclusións recollidas neste documento son obxecto de debate na Conferencia anual de partes interesadas na economía circular que se celebra hoxe e mañá en Bruxelas (6 e 7 de marzo),
Asegúrase no informe que, tres anos logo da súa adopción, as 54 accións do plan xa foron executadas ou ben atópanse en proceso de execución, acelerando desta forma a transición cara a unha economía circular en Europa, competitiva e neutra desde o punto de vista climático, á vez que se contribuíu de novo á creación de emprego. Así mesmo, posibilitáronse novas oportunidades de negocio, fomentando novos mercados, tanto dentro como fóra da UE.
OS PLÁSTICOS, NO PUNTO DE MIRA
A Estratexia para o Plástico constitúe o primeiro marco político a escala europea que adopta un enfoque baseado no ciclo de vida dos materiais para integrar actividades circulares de deseño, uso, reutilización e reciclaxe nas cadeas de valor dos plásticos. Establécese así o obxectivo de que, de aquí ao ano 2030, todos os envases plásticos comercializados da UE sexan reutilizables ou reciclables.
Se ben 70 empresas xa asumiron compromisos para impulsar o mercado dos plásticos reciclados, co obxectivo de pechar a brecha entre a oferta e demanda dos mesmos, a Comisión puxo en marcha a Alianza Circular sobre os Plásticos.
Cabería destacar igualmente as normas sobre artigos de plástico dun só uso e as artes de pesca, nos que se aglutinan os dez artigos que acaban con máis frecuencia nas praias da UE, situándose Europa á vangarda na loita mundial contra os refugallos mariños.
ECODESEÑO, PREVENCIÓN E RECICLAXE
Respecto da xestión de residuos, en xullo de 2018 entrou en vigor unha nova normativa na que se aposta por taxas máis ambiciosas de reciclado e medidas reforzadas de prevención e xestión.
Tamén cobrou protagonismo a implantación do plan de traballo sobre deseño ecolóxico 2016-2019, a través do cal a Comisión promoveu aínda máis o deseño circular dos produtos, así como os obxectivos de eficiencia enerxética.
O investimento en innovación tamén foi unha prioridade, redobrando os esforzos económicos neste sentido, que se viron complementados coa Plataforma de apoio financeiro á economía circular, no marco da cal elaboráronse unhas recomendacións para mellorar a financiabilidade dos proxectos de economía circular, coordinar as actividades de financiamento e compartir boas prácticas. Dita plataforma colaborará co Banco Europeo de Investimentos.
Pola súa banda, e para fomentar o compromiso activo dos cidadáns para cambiar os seus patróns de consumo, a Comisión creou o método da pegada ambiental dos produtos (HAP) e o da pegada ambiental das organizacións (HAO) coa que permitir ás empresas facer afirmacións ecolóxicas fidedignas e comparables, e aos consumidores elixir con coñecemento de causa.
O papel da Comisión no fomento da circularidade foi recoñecido co premio Circulars Award na categoría de sector público no Foro Económico Mundial de 2019.
RETOS PENDENTES
Malia os logros alcanzados, que marcaron unha tendencia xa irreversible cara á economía circular, a Comisión considera que é necesario intensificar a acción para pechar completamente o círculo e aproveitar a vantaxe competitiva que aporta ás empresas da UE.
Necesítanse así maiores esforzos para aplicar a lexislación revisada de residuos e fomentar mercados para as materias primas secundarias. Así mesmo, e tomando como referencia a Estratexia sobre Plásticos, poderíanse abarcar outros sectores cun elevado impacto ambiental, pero con potencial de circularidade. É o caso das tecnoloxías da información, os equipos electrónicos, a mobilidade, a contorna construída, a minería, o mobiliario, os alimentos e bebidas ou os téxtis.
Fonte e imaxe: Comisión Europea
Saúdos, Departamento de Comunicación