- Asegura que urxe desvincular a xeración de residuos do crecemento económico e adoptar enfoques de economía circular e residuos cero
- A inacción na xestión mundial de refugallos ten un alto custo para a saúde humana, a economía e o medio ambiente
Cerceda, a 15 de marzo de 2024.- Segundo un novo informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), só unha drástica redución da xeración de residuos garantirá un futuro habitable.
Baixo o título "O fin da era de residuos: transformación do lixo en recursos", o informe “Perspectiva Mundial da Xestión de Residuos 2024 (GWMO 2024)” do PNUMA proporciona os datos actualizados máis substanciais sobre a xeración mundial de refugallos e o custo da súa xestión desde 2018. A análise utiliza avaliacións do ciclo de vida para explorar o que o mundo podería gañar ou perder se se mantivese o statu quo, se adoptasen medidas a medias ou se apostase plenamente por sociedades orientadas a unha economía circular cero refugallos.
Segundo este documento, prevese que a xeración de residuos urbanos aumente de 2.300 millóns de toneladas en 2023 a 3.800 millóns de toneladas en 2050.
En 2020, o custo directo mundial da xestión de residuos estimouse en 252.000 millóns de dólares. Con todo, se se teñen en conta os custos ocultos da contaminación, a insalubridade e o cambio climático derivados das malas prácticas de eliminación de refugallos, o custo elévase a 361.000 millóns de dólares. E se non se toman medidas urxentes na materia, en 2050 este custo anual mundial podería case duplicarse ata alcanzar a impactante cifra de 640.300 millóns de dólares.
"GWMO 2024 é unha guía e unha chamada á acción para catalizar os esforzos colectivos en apoio de solucións audaces e transformadoras, reverter os impactos adversos das prácticas actuais de xestión de residuos e proporcionar beneficios claros a cada individuo que vive neste planeta. Estas accións son fundamentais para acelerar a consecución da Axenda 2030", manifestou Carlos Silva Filho, Presidente da ISWA.
A modelización do informe mostra que o control dos residuos mediante a adopción de medidas de prevención e xestión podería limitar os custos netos anuais de aquí a 2050 a 270.200 millóns de dólares. Con todo, as proxeccións mostran que un modelo de economía circular, no que a xeración de residuos e o crecemento económico se desvinculen, a adopción de prácticas empresariais sostibles e unha xestión completa dos residuos, podería de feito xerar un beneficio neto total de 108.500 millóns USD ao ano.
O informe presentouse na sexta edición da Asemblea das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente (UNEA-6), celebrada do 26 de febreiro ao 1 de marzo na sede do PNUMA en Nairobi (Kenya).
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels