Cerceda, a 27 de abril de 2020- A principios deste mes de abril viu a luz un libro de contos que ten por obxecto axudar aos nenos a comprender o COVID-19 e a facer fronte a esta pandemia desde a cooperación, a responsabilidade e a solidariedade.
O proxecto foi promovido polo Grupo de Traballo do Comité Permanente entre Organismos (IASC) sobre Saúde Mental e Apoio Psicosocial en Situacións de Urxencia, e no mesmo participaron expertos de distintas disciplinas, contando igualmente coa colaboración de máis de 50 organizacións que traballan no sector humanitario, incluída a Organización Mundial da Saúde (OMS), UNICEF, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), a Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella e Save the Children.
Baixo o título O meu heroe es ti, como poden os nenos loitar contra a COVID-19!", e coa axuda dunha criatura de fantasía, Ario, explícase aos pequenos de 6 a 11 anos como poden protexerse a si mesmos, ás súas familias e amigos do coronavirus e como deben manexar as emocións difíciles cando se enfrontan a unha nova realidade cambiante.
Máis de 1.700 nenos, pais, coidadores e mestres de todo o mundo compartiron as súas experiencias durante as primeiras etapas desta iniciativa, deixando constancia de como estaban convivindo coa incidencia do COVID-19.
A achega foi esencial para que a guionista e ilustradora Helen Patuck, así como o equipo do proxecto, se aseguraran de que a historia e as súas mensaxes chegasen a nenos de diferentes orixes e continentes.
Conto en español: https://interagencystandingcommittee.org/system/files/2020-04/My%20Hero%20is%20You%2C%20Storybook%20for%20Children%20on%20COVID-19%20%28Spanish%29_1.pdf
Conto en inglés: https://interagencystandingcommittee.org/system/files/2020-04/My%20Hero%20is%20You%2C%20Storybook%20for%20Children%20on%20COVID-19.pdf
Fonte e imaxe: OPS