- Trátase de Jerónimo Batatista Bucher, arxentino e de 21 anos de idade, que actualmente estuda cuarto ano da carreira de Biotecnoloxía na Universidade de San Martín, onde conta co seu propio laboratorio.
- O seu reto agora é producir estes recipientes e contribuír á loita contra a contaminación por plásticos.
- Para isto traballa de forma incansable, xunto a un grupo de investigación de enxeñería en materiais e un grupo de especialistas en deseño industrial, co obxectivo de perfeccionar o prototipo da máquina utilizada, que recibe o nome de “Souri”.
- O seu labor e dedicación colocárnono como referente a nivel internacional. Nunha entrevista recollida por Noticias ONU, manifestou que a gran crise ambiental que estamos a vivir require particularmente da xuventude.
Cerceda, a 5 de setembro de 2019.- Un mozo científico arxentino de 21 anos, Jerónimo Batatista Bucher, propón substituír os vasos plásticos de usar e tirar por vasos biodegradables elaborados con extractos de algas. Desta forma pretende aportar unha solución ecolóxica para minimizar o desmedido consumo de plástico dun só uso.
Tal e como manifestou nunha entrevista concedida a Noticias ONU, a súa devoción polo coidado do medio ambiente comezou cando tiña 12 anos, etapa na que se sentiu especialmente atraído pola ciencia e representou ao seu colexio en distintas olimpiadas nacionais e internacionais.
Considera que a gran crise ambiental que estamos a vivier require particularmente da xuventude. “Debemos comprometernos a asumir esta problemática e contribuír desde o noso lugar, cambiando hábitos de consumo, impulsando reformas lexislativas e utilizando a tecnoloxía para forxar solucións alternativas que nos permitan vivir en harmonía co medio ambiente, tendo un impacto positivo no desenvolvemento sostible”.
Cando estaba finalizando os seus estudos de educación secundaria, reparou en que a acumulación de utensilios de plástico desbotables durante os recreos escolares era excesiva e insostible. Aí xestouse o seu afán emprendedor, destacando non só no seu país, senón tamén en Latinoamérica, Europa e Estados Unidos.
A súa preocupación pola contaminación plástica levoulle a buscar unha alternativa ecolóxica destinada a modificar os hábitos de consumo nocivos e que constitúen a causa de que 8 millóns de toneladas de plástico acaben cada ano nos océanos.
ECOLÓXICO, BIODEGRADABLE E COMPOSTABLE
O seu descubrimento foi un vaso biodegradable, co mesmo formato que os desbotables, pero fabricado con extractos de algas que se producen en contornas naturais mariñas ou canles. Este vaso innovador pode conter distintos líquidos, degrádase de forma natural en menos de dúas semanas e serve igualmente para elaborar compost.
O reto ao que se enfronta agora Jerónimo, que cursa o cuarto ano da carreira de Biotecnoloxía na Universidade de San Martín, onde conta co seu propio laboratorio, é producir estes vasos. Con tal fin traballa de forma incansable, xunto a un grupo de investigación de enxeñería en materiais e un grupo de especialistas en deseño industrial, para perfeccionar o prototipo da máquina (que leva por nome de “Souri”) que fabrica estes innovadores recipientes.
REFERENTE INTERNACIONAL
O seu labor e dedicación colocáronno como referente a nivel internacional. En 2017, e con só 19 anos, leu o texto final do Cume Mundial de mozos/as do G20 en Alemaña, ante a Canciller Angela Merkel, evidenciando con isto que a mocidade pode realizar achegas de gran calado á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
2019 tamén está a ser un bo ano para Jerónimo, que recibiu un segundo recoñecemento internacional polo seu traballo para diminuír a contaminación ambiental. En xuño foi seleccionado polas prestixiosas universidades norteamericanas Harvard e MIT, con sede en Boston, para participar nun programa de formación presidido por recoñecidos expertos en biotecnoloxía e desenvolvemento sostible. Posteriormente, viaxou a Medellín, onde se consagrou como un dos gañadores da décimocuarta edición da Competencia de Talento e Innovación das Américas (TIC), no marco do Foro de Mozos das Américas.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación