- O obxectivo deste acordo, que se pechou o pasado 3 de marzo na sede da ONU, en Nova York, é situar ao 30% dos océanos do mundo en áreas protexidas
- O Secretario Xeral da ONU, António Guterres, sostivo que o tratado tamén é crucial para abordar a tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación
Cerceda, a 7 de marzo de 2023.- O pasado venres, 3 de marzo, a sede da ONU en Nova York foi testemuña do acordo co que se culminaron as negociacións sobre o coñecido como “Tratado de alta mar”, cuxo obxectivo é situar ao 30% dos océanos do mundo en áreas protexidas, podendo así destinar máis diñeiro á conservación mariña e cubrir o acceso e o uso dos recursos xenéticos mariños.
O acordo acadado polos delegados da Conferencia Intergobernamental sobre Biodiversidade Mariña de Áreas Fóra da Xurisdición Nacional é a culminación dunha serie de conversacións facilitadas pola ONU desde 2004.
O Secretario Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, felicitou aos países membros das Nacións Unidas por culminar un texto que busca garantir a conservación e o uso sostible da diversidade biolóxica mariña de áreas fóra da xurisdición nacional. “Trátase dun gran avance logo de case dúas décadas de negociacións”, ao que engadiu que “é unha vitoria para o multilateralismo e para os esforzos globais por contrarrestar as tendencias destrutivas que enfrontan a saúde dos océanos, agora e para as xeracións vindeiras”.
Guterres sostivo que o tratado é crucial para abordar a tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación. “Tamén é vital para lograr os obxectivos e metas relacionados cos océanos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e o Marco Global de Biodiversidade de Kunming-Montreal”, referíndose ao chamado compromiso '30x30' para protexer un terzo da biodiversidade do mundo, en terra e mar para 2030, logrado nunha conferencia da ONU en Montreal en decembro pasado.
Tras sinalar que a decisión de Conferencia sobre Biodiversidade Mariña baséase no legado da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, o Secretario Xeral eloxiou a todas as partes pola súa ambición, flexibilidade e perseveranza, e aplaudiu o liderado e dedicación da embaixadora Rena Le, de Singapur.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels