- Sogama saca á luz a súa Newsletter de decembro, na que deixa constancia dalgunhas das accións máis importantes acometidas durante este último trimestre desde o punto de vista ambiental e social.
- Entre estas, cabería destacar diversas visitas institucionais recibidas no Complexo Medioambiental de Cerceda, como é o caso dunha delegación política das Illas Comores, así como o apoio ao Día Mundial contra o cancro de mama a través da distribución de minicontedores rosa.
- A compostaxe da materia orgánica cobrou máxima relevancia a través de sucesivos actos, destacando a presentación da campaña centrada na recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor e impulsada por dous concellos pioneiros: Laracha e Carballo.
- A activa e exitosa participación de Sogama na Semana Europea da Prevención de Residuos e a distinción recibida, por parte de Ardán, como empresa innovadora e xeradora de riqueza 2019, colmaron o plan de acción destes últimos meses.
Cerceda, a 26 de decembro de 2019.- A poucos días de pechar o ano, Sogama saca á luz a súa Newsletter de decembro, na que deixa constancia dalgunhas das accións máis importantes, tanto a nivel ambiental como social, que levou a cabo desde o pasado mes de outubro e que permitiron dar maior visibilidade á sostibilidade.
Entre estas, cabería destacar diversas visitas institucionais recibidas no Complexo Medioambiental de Cerceda, como é o caso dunha delegación política das Illas Comores, representantes da Asociación Galega da Empresa Familiar, así como membros da área de medio ambiente de FINSA, sen esquecer o reparto de minicontedores rosa entre distintos colectivos para alentar e apoiar a loita contra o cancro de mama.
COMPOSTAXE E PREVENCIÓN, DA MAN
A compostaxe da materia orgánica cobrou máxima relevancia a través de sucesivos actos. É o caso do celebrado no concello de Marín e que serviu para dar conta e facer balance dos pormenores do programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama en toda Galicia, ao que están adscritas máis de 320 entidades, así como a presentación da campaña de recollida selectiva de residuos orgánicos a través do quinto contedor (de cor marrón) nos concellos coruñeses de Laracha e Carballo, que serán os primeiros en implantar este recipiente e, polo tanto, os primeiros en facer uso da planta de compostaxe industrial que Sogama ten en Cerceda.
Adicionalmente, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, formalizaron un novo convenio de colaboración para seguir promovendo a autocompostaxe na provincia ourensá (todos os municipios, menos a capital), dados os seus mútiples beneficios.
E todo isto aderezado cos cursos de formación presenciais impartidos por técnicos de Sogama e dirixidos a operadores de explotacións agrícolas adscritas ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Así mesmo, esta empresa pública participou activamente na Semana Europea da Prevención de Residuos (do 16 ao 24 de novembro) coa súa campaña “¡Corta polo san! Reduce residuos”, trasladando, a través de sesións formativas presenciais realizadas en distintos concellos e centros educativos da comunidade, así como mediante a publicación de materiais online, consellos e recomendacións vinculadas ao consumo responsable, á redución de residuos e ao máximo aproveitamento dos produtos, alongando a súa vida útil.
CERTIFICADOS ARDÁN
O colofón deste trimestre chegou a través da concesión, por parte de Ardán, dos certificados que distinguen á Sociedade Galega do Medio Ambiente como empresa innovadora e xeradora de riqueza 2019, situándose entre o selecto 6% de empresas galegas que cumpre os criterios para obter estes distintivos.
http://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2019/12/Newsletter42_decembro2019.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación