- Denominado Circular4Food, céntrase na reutilización das poliolefinas sobrantes do proceso de produción de envases alimentarios
Cerceda, a 28 de febreiro de 2023.- O proxecto de I+D Circular4Food desenvolverá envases alimentarios con plásticos innovadores que incorporen un mínimo do 30% de material reciclado.
Esta iniciativa, cofinanciada polo programa de incentivos á I+D+i empresarial de Corporación Tecnolóxica de Andalucía, está liderada pola empresa SP Group e tamén conta coa participación da Universidade de Xaén e o centro tecnolóxico Andaltec.
A principal novidade achegada é que o proxecto céntrase na reutilización das poliolefinas sobrantes do proceso de produción de envases alimentarios de SP Group, un termoplástico en cuxa circularidade non se produciron grandes avances ata o de agora.
O obxectivo principal desta iniciativa é o desenvolvemento de materiais e estruturas plásticas altamente innovadoras baseadas en poliolefinas, polietileno (PE) e polipropileno (PP) reciclados posindustriais, ademais de residuos multicapa PA/PE, que cumpran cos estándares de calidade requiridos para o seu uso na fabricación de envases plásticos orientados a contacto alimentario, así como a incorporación dun mínimo do 30% de material plástico reciclado nos envases alimentarios flexibles. Deste xeito, os investigadores xa están a traballar para conformar, desde o inicio da produción, un sistema trazable e pechado de reciclaxe externa a través dun reciclador e colaborador único.
Tecnicamente, o maior reto do proxecto reside na incorporación de porcentaxes elevadas de reciclaxe, en torno ao 50-60% das estruturas de extrusión. A calidade da materia prima, a correcta clasificación e o reprocesado con aditivos que axuden á homoxeneidade de polímeros incompatibles supoñen o maior reto a nivel de validación de propiedades ópticas e mecánicas. Para isto, proponse un proxecto baseado na verificación de probas desde un tamaño piloto a unha escala pre-industrial.
Este proxecto axudará a mellorar a circularidade dos envases alimentarios e a transferir coñecemento científico ás novas solucións que cheguen ao mercado. Belén Soriano, responsable do proxecto por parte de Andaltec, explica que o centro tecnolóxico vai traballar en analizar a porcentaxe de material reciclado que se pode incorporar á estrutura, cómo se dispersa e se compatibiliza. “A normativa sobre o packaging alimentario é moi estrita, polo que este proxecto pretende incorporar a máxima cantidade de material reutilizado posible sen que se degrade nin contamine, de forma que sexa totalmente seguro e sostible”, sinala.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels