- Baixo o acrónimo CONSERVAL, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
- Liderado por Cetaqua Galicia, participan no mesmo cinco socios da nosa comunidade e o Norte de Portugal.
- Cun orzamento de case un millón de euros, este proxecto promove a modernización do sector conserveiro a través dun modelo de xestión sostible que contribúe a preservar o espazo mariño, á vez que impulsa o crecemento económico da Eurorrexión.
Cerceda, a 23 de outubro de 2019.- Baixo o acrónimo CONSERVAL, púxose en marcha un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cuxo obxectivo é introducir a economía circular no sector pesqueiro a fin de valorizar os subprodutos xerados na industria conserveira a fin de que se utilicen como recursos.
A Universidade de Oporto acolleu recentemente o evento de apertura deste proxecto, no que participan outros cinco socios da nosa comunidade e o Norte de Portugal.
No mesmo déronse cita as empresas conserveiras da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal interesadas en tecnoloxías innovadoras para a transformación de correntes residuais en produtos de alto valor engadido e elevado potencial de negocio, como ácidos graxos volátiles específicos, aceites de peixe ricos en Omega 3 ou hidrolizados proteicos.
CONSERVAL, que conta cun orzamento de case un millón de euros , promove a modernización do sector conserveiro a través dun modelo de xestión sostible que contribúe a preservar o espazo mariño, á vez que impulsa o crecemento económico da Eurorrexión, fomentando a creación de emprego cualificado a ambos os dous lados da fronteira, abrindo novos nichos de mercado na rexión e potenciando a competitividade empresarial.
A iniciativa, que se estenderá ata decembro de 2021, está liderada por Cetaqua Galicia e conta coa colaboración da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), a Universidade do Porto e a Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes de Portugal (ANICP).
Fonte e imaxe: Cetaqua
Saúdos, Departamento de Comunicación