- Cunha dotación orzamentaria de 323.000 euros, Lions2Life, liderado por España, desenvolveranse durante 18 meses.
- A finais deste mesmo ano entregarase, na planta de Sustainable Towns, a primeira batería de segunda vida co obxectivo de que sexa probada con carácter piloto.
- As novas baterías poderán instalarse nunha vivenda con paneis solares e propiciar que sexa completamente autónoma, ou ben formar parte dunha instalación industrial máis grande que se utilizará para almacenar os excedentes de enerxía solar dun campo fotovoltaico.
Cerceda, a 9 de setembro de 2020.- A Universidade Politécnica de Valencia lidera, xunto a Sustainable Towns, un proxecto europeo que, baixo o acrónimo Lions2Life, ten por obxecto a reutilización de baterías de litio de vehículos eléctricos para almacenar enerxía.
O prazo para o desenvolvemento desta iniciativa é de 18 meses, debendo entregar a Sustainable Towns, a finais deste mesmo ano, a primeira batería de segunda vida coa pretensión de que sexa probada, con carácter piloto, nas instalacións desta entidade.
O proxecto, dotado cun orzamento de 323.000 euros, está especialmente orientado aos sistemas de mobilidade eléctrica compartida que empezan a proliferar nas nosas cidades: patinetes, bicicletas e motos eléctricas, propiciando que as baterías se integren nun modelo de economía circular e non acaben convertidas en residuos.
Lions2Life xerou unha gran expectativa, tanto no sector da mobilidade compartida como no das enerxías renovables. O primeiro busca unha forma de poñer en valor as baterías usadas e, o segundo, solucións de almacenamento que sexan rendibles e permitan acomodar a oferta e a demanda de enerxía.
Entidades medioambientais como ECODOM (Italia) e Recyclia (España) coordinan os seus esforzos dentro do proxecto para que a reutilización das baterías sexa unha realidade que poida trasladarse ao resto de países da Unión Europea.
As baterías que utilizan os vehículos eléctricos son de distintos tipos e proveñen de diversos fabricantes, pero todas comparten un mesmo elemento: as células do formato 18650. Este proxecto vai desenvolver as solucións técnicas necesarias para extraer as devanditas células, analizalas, clasificalas, e construír con elas unha nova batería.
As novas baterías poderán instalarse nunha vivenda con paneis solares, prevendo unha duración de dez anos, e propiciar que sexa completamente autónoma, ou ben poderán formar parte dunha instalación industrial máis grande que se utilizará para almacenar os excedentes de enerxía solar dun campo fotovoltaico.
Tamén se vai a estudar cal é a situación actual do sistema de reciclado das baterías de Litio, e cales son as claves para que se aumente a porcentaxe de reutilización e de reciclado das mesmas. Así mesmo, vaise a cuantificar a cantidade de baterías que se desbotan ao ano, e comparalo coas necesidades de almacenamento de enerxía, para calcular o tamaño potencial do mercado de reutilización.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay