- A compañía alemá Voltfang conseguiu este galardón grazas á súa idea de negocio, que permite estender o ciclo de vida das baterías dos vehículos eléctricos utilizando dispositivos refugados como acumuladores para o almacenamento da enerxía xerada por paneis solares
- Entre as seis startup finalistas, tamén se atopaba unha española, ScrapAd, dedicada a axudar a recicladores de 80 países a atopar a mellor contraparte de compra ou venda para os materiais dispoñibles
Cerceda, a 10 de maio de 2022.- A compañía alemá Voltfang fíxose co Green Alley Award 2022. Dotado con 25.000 euros, está promovido polo Grupo Landbell, matriz de ERP.
A idea de negocio da empresa gañadora permite estender o ciclo de vida das baterías dos vehículos eléctricos. Con tal fin, utiliza dispositivos refugados como acumuladores para o almacenamento da enerxía xerada por paneis solares, que se subministras posteriormente a demanda en fogares e oficinas.
O fallo do xurado douse a coñecer nun acto celebrado no Haus Ungarn de Berlín. Entre as seis startup finalistas atopábase unha española, ScrapAd, dedicada a axudar a recicladores de 80 países a atopar a mellor contraparte de compra ou venda para os materiais dispoñibles, (metais, plásticos, papel…), e todo isto de forma transparente e a golpe de click.
VOLTFANG
Jan Patrick Schulz, CEO do Grupo Landbell, manifestou que “ Voltfang aborda un tema vital para a economía circular. O número de vehículos eléctricos que transitan polas nosas estradas incrementarase ata os 30 millóns en 2030, de acordo coas previsións da UE, o que multiplicará os residuos de baterías procedentes dese tipo de vehículos. A idea gañadora non só se centra en aproveitar ao máximo estas baterías usadas, senón que tamén contribúe a pechar a brecha na nosa transición á enerxía renovable”, ao que engadiu que “Voltfang aproveita o feito de que a vida útil destas baterías de ións de litio non queda esgotada cando son substituídas. Desta maneira, o ciclo de vida destes residuos de baterías prolóngase para almacenar outra enerxía xa producida e facela accesible cando se necesita. Este tipo de empresas circulares, poden facer unha contribución decisiva á nosa loita contra o cambio climático”.
Tal e como explicou David Oudsandij, co-fundador e CFO de Voltfang “Necesitamos solucións de almacenamento eléctrico sostibles como a que propón o noso sistema para lograr a transición enerxética. Esta é a única vía para conservar os recursos, reducir a dependencia do exterior e evitar que esas baterías se desperdicien”.
SOBRE GREEN ALLEY AWARD
Green Alley Award é o primeiro premio europeo para startup comprometidas coa economía circular. Desde 2014, o Grupo Landbell buscou compañías novas cuxas solucións axuden a utilizar os recursos finitos e reducir os residuos.
En 2022, 177 startup de toda Europa, 8 delas españolas, presentaron os seus modelos de negocio nas categorías de economía circular dixital, reciclaxe e prevención de residuos.
Fonte e imaxe: Retema