- O obxectivo deste recurso é que os docentes tomen conciencia da importancia que ten a súa propia formación no coidado da contorna para transmitir valores medioambientais aos seus pupilos, así como o gran poder dos seus xestos e hábitos.
- A través de “Recíclate con Sogama”, os mestres poden acceder a múltiples ferramentas didácticas e pedagóxicas que esta empresa pública pon á súa disposición a fin de que contribúan aos bos resultados do plan de acción implantado en cada colexio.
Cerceda, a 22 de xaneiro de 2021.- No marco da nova edición do programa Recíclate con Sogama 2020-2021, esta empresa pública lanzou un vídeo titorial dirixido ao profesorado dos centros escolares adscritos a esta iniciativa e co que pretende enriquecer a súa bagaxe no ámbito da educación ambiental.
O obxectivo deste recurso é que os docentes tomen conciencia da importancia que ten a súa propia formación no coidado da contorna para transmitir valores medioambientais aos seus pupilos, así como o gran poder dos seus xestos e hábitos, xa que constitúen todo un referente e exemplo a seguir para os pequenos.
O eixe central sobre o que pivota a xestión sostible dos residuos urbanos é precisamente a estratexia dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), tres superpoderes ecolóxicos cos que os integrantes da comunidade educativa consolidarán o seu compromiso coa preservación da contorna.
EN CLAVE “ECO”
A través de “Recíclate con Sogama”, os profesores/as poderán acceder a múltiples ferramentas didácticas e pedagóxicas que esta empresa pública pon á súa disposición a fin de que contribúan aos bos resultados do plan de acción implantado en cada colexio.
Un divertido test que leva por título “O Ecoráculo”, permitirá que os alumnos teñan a oportunidade de aprender de forma sinxela as boas prácticas ambientais e de descubrir o seu propio rol como axentes do cambio, toda vez que deben liderar a transición cara a un planeta máis saudable e sostible.
Desta forma profúndase naqueles xestos que permiten reducir a produción de residuos (por exemplo, prescindindo de envases e embalaxes innecesarias, facendo unha lista da compra, diferenciando data de caducidade de data de consumo preferente); que permiten reutilizar os produtos e alongar a súa vida útil (por exemplo, utilizando o papel polas dúas caras, usando pratos de loza lavable en lugar da súa versión en plástico); e que permiten contribuír á reciclaxe, separando correctamente os refugallos en orixe e depositándoos nos contedores axeitados: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; e verde xenérico, para a fracción non reciclable, recordando tamén que a compostaxe doméstica constitúe unha excelente opción para poñer en valor os residuos orgánicos transformándoos en abono natural, e que os puntos limpos municipais están concibidos para acoller os residuos voluminosos, perigosos xerados no fogar e aparellos eléctricos e electrónicos fóra de uso.
Sogama engade un cuarto R, a da Recuperación enerxética, transformando a parte non reciclable dos residuos en electricidade. Deste xeito evita que acabe en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Recíclate con Sogama iniciou unha nova andaina en clave “Eco”. Enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, ten por obxecto implantar a recollida selectiva de residuos nas aulas e que este hábito se traslade igualmente á contorna familiar e social.
Ligazón ao vídeo: https://vimeo.com/502506201