- Trátase de colexios que contan con servizo de comedor ou ben que xeran unha gran cantidade de residuos procedentes das merendas dos escolares, e dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante.
- Esta empresa pública repartiu entre os mesmos da orde de 160 composteiros, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Cerceda, a 25 de febreiro de 2021.- A día de hoxe, un total de 135 centros educativos das catro provincias galegas atópanse adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co fin de levar á práctica a valorización da materia orgánica en orixe, converténdoa en compost.
Trátase de colexios que contan con servizo de comedor ou ben que xeran unha gran cantidade de residuos procedentes das merendas dos escolares, e dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante.
Ademais de contribuír ao coidado do medio ambiente e concienciar ao alumnado sobre a importancia de previr e reducir a produción de refugallos, pretenden facer fincapé na compostaxe da materia orgánica para pechar o ciclo do seu aproveitamento en orixe, devolvéndoa á terra en forma de abono natural. O compost obtido demostrou a súa alta calidade e as súas excelentes propiedades para o solo, protexéndoo incluso fronte a pragas e outras enfermidades.
Para levar a cabo este proceso, Sogama envioulles composteiros, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que se atopan baixo o coidado dos escolares e que tamén axudan aos docentes nas súas clases prácticas sobre reciclaxe e recuperación dos residuos orgánicos. O abono obtido aplícase nas hortas e xardíns dos propios colexios.
A fin de dispoñer de toda a información sobre esta iniciativa, a comunidade educativa co apoio do sitio web www.compostaconsogama.gal, tendo á súa disposición recursos didácticos e divulgativos, ademais de lúdicos. É o caso de manuais, vídeos, cuñas radiofónicas e xogos en liña, entre outros.
Así mesmo, os pequenos toman conciencia de que, con esta práctica, redúcese a cantidade de refugallos depositados no contedor verde convencional (bolsa negra) e, polo tanto, os custos que carrexa a súa recollida, transporte e tratamento en planta.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Foto cedida polo Colexio Divina Pastora de Ourense