- O Concello, co apoio de Sogama, amplía o seu programa de compostaxe doméstica a 30 novas vivendas
- Se ben a elaboración de compost constitúe unha práctica tradicional no rural galego, a dotación de composteiros ás familias participantes nesta iniciativa posibilita que o proceso se desenvolva de forma máis cómoda e hixiénica
Cerceda, a 1 de xullo de 2022.- O concello coruñés de Vilarmaior, co apoio de Sogama, ampliou o seu programa de compostaxe doméstica a 30 novos fogares, facendo un total de 170 as vivendas que xa autoxestionan a súa materia orgánica para convertela en compost, un abono natural de alta calidade que achega nutrientes ao solo e que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Se ben a elaboración de compost constitúe unha práctica tradicional no rural galego, a dotación de composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) ás familias participantes nesta iniciativa posibilita que o proceso se desenvolva de forma máis cómoda e hixiénica.
O composteiro debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, debendo os usuarios levar a cabo o control de parámetros crave (é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade) para obter un compost de alta calidade e que cumpra cos requisitos esixidos pola normativa vixente.
Con este programa, o concello poderá alcanzar importantes beneficios ambientais, xa que se evita que aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, que corresponde a materia orgánica, acabe depositada no contedor convencional, podendo verse reducida a frecuencia de recollida da fracción resto e, polo tanto, as emisións de CO2 derivadas do transporte. Así mesmo, ao entregar menos refugallos a Sogama, minoraríase tamén o importe da factura que o ente local debe pagar a esta empresa pública polo tratamento final destes residuos.
Os interesados teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poderán localizar información de utilidade sobre a autocompostaxe, así como recursos didácticos e divulgativos de apoio cos que ampliar e afianzar coñecementos.
Saúdos, Departamento de Comunicación