Cerceda, a 31 de xaneiro de 2023.- O Concello de Vilarmaior (A Coruña), coa colaboración de Sogama, puxo ao dispor da veciñanza interesada unha nova partida de 30 composteiros, que repartirá entre os veciños que, voluntariamente, se sumen a esta iniciativa e que habiten en vivendas unifamiliares con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
A empresa pública tamén remitiu ao ente local guías didácticas que serán entregadas aos participantes e nas que se explica de forma detallada os pasos a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra, ata a relación de residuos que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final: é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Nestes manuais lémbranse as fases de fermentación e maduración dos restos orgánicos e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e aos problemas máis comúns, garantindo así a obtención dun abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais de achegarlle nutrientes, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
200 FOGARES ADSCRITOS
Con esta nova partida de composteiros, son 200 as familias de Vilarmaior que incorporan aos seus hábitos diarios a autoxestión da materia orgánica, unha práctica tradicional no rural galego coa que poderán reducir a cantidade de refugallos depositados nos contedores convencionais, xa que en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, integrada por restos orgánicos, poderá tratarse directamente nas vivendas para a súa transformación en compost.
Máis aló dos conseguintes beneficios ambientais, esta práctica tamén poderá traer consigo interesantes vantaxes económicas.
Saúdos, Departamento de Comunicación