- En sucesivas fases, e a petición do propio ente local, esta empresa pública enviou ao municipio outros tantos composteiros que foron entregados aos fogares interesados en participar nesta iniciativa
Cerceda, a 13 de maio de 2024.- Un total de 225 familias de Cedeira (A Coruña), que habitan en vivendas unifamiliares con terreo (xardín ou horta) incorporaron a autoxestión da materia orgánica aos seus hábitos diarios.
En sucesivas fases, e a petición do propio ente local, Sogama enviou ao municipio outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que foron entregados aos fogares interesados en participar nesta iniciativa, orientada a previr e reducir a produción de residuos orgánicos en orixe mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, ao que achega nutrientes e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Recentemente, técnicos ao servizo desta empresa pública desprazáronse ao municipio de Cedeira para impartir un curso de formación orientado aos veciños que, recentemente, decidiron formar parte deste programa. No transcurso da sesión explicaron a operativa a seguir: desde a propia montaxe do composteiro ata a localización do mesmo, xa que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, a relación de materiais que deben depositarse no mesmo, como realizar a mestura para manter un equilibrio entre materia húmida e seca, así coma o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A xornada serviu tamén para clarificar dúbidas e promover o intercambio de experiencias entre os participantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación