
- O obxectivo era que os escolares aprendesen a consumir de forma consciente e responsable, a reducir a xeración de residuos e, unha vez producidos, a separalos correctamente por tipoloxías e a depositalos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados
- En definitiva, a que tomasen conciencia do extraordinario valor que atesouran os residuos e que, cunha xestión axeitada, poden converterse en novos recursos
Cerceda, a 7 de marzo de 2025.- Un total de 2.250 escolares e 140 docentes dos 27 centros educativos (de primaria, secundaria e FP) que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama”, recibiron formación presencial en xestión sostible de residuos a cargo de técnicos especializados.
En todos os casos, as sesións centráronse, durante a primeira parte, e facendo uso de distintos recursos didácticos e divulgativos, en explicar o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a recuperación enerxética da parte non reciclable, a compostaxe e a actividade de Sogama na súa vertente industrial, económica e social.
Xa na segunda parte, de carácter máis práctico, cedeuse o protagonismo ao alumnado e profesorado para que formulasen as súas dúbidas e trasladasen os seus comentarios e observacións. Así mesmo, aproveitouse este espazo de tempo para levar a cabo a caracterización dunha bolsa de lixo tipo, un exercicio que contribuíu en boa medida a reforzar e consolidar os coñecementos adquiridos.
O obxectivo destas formacións era que os escolares aprendesen a consumir de forma consciente e responsable, a reducir a xeración de residuos e, unha vez producidos, a separalos correctamente por tipoloxías e a depositalos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados e, polo tanto, transformados en novas materias primas coas que se fabricarán outros produtos. En definitiva, a que tomasen conciencia do extraordinario valor que atesouran os residuos e que, cunha xestión axea, poden converterse en novos materiais, limitando así o consumo masivo dos limitados e escasos recursos naturais.
No transcurso das xornadas formativas, púidose constatar o gran interese da comunidade educativa pola correcta xestión dos residuos, cunha elevada preocupación ao redor da presenza de plásticos en ríos e océanos, as dúbidas que aínda persisten sobre os materiais que deben e non deben depositarse en distintos contedores, especialmente no amarelo, e a importancia da compostaxe como tratamento ecolóxico para os restos orgánicos.
Con estas formacións, non só se pretende que os escolares seleccionen correctamente os residuos nos centros educativos, senón que tamén trasladen as boas prácticas aos seus fogares e contorna social, propiciando así que cada vez sexan máis os que participen activamente na reciclaxe.
Seguimento e avaliación
Logo das charlas presenciais e a dotación de medios materiais e didácticos aos 27 centros que participan en Recíclate con Sogama, a compañía levará a cabo visitas de seguimento para supervisar os proxectos a desenvolver por cada colexio e instituto, realizar labores de asesoramento e atender consultas e propostas.
Na última visita, que terá lugar o próximo mes de maio, realizaranse caracterizacións dos contedores de recollida selectiva que conforman as illas de reciclaxe achegadas no seu momento pola empresa para comprobar a calidade do material depositado e o grao de acerto ou erro na selección.
Saúdos, Departamento de Comunicación