- Durante a xornada, tamén deixaron constancia dos seus amplos coñecementos sobre reciclaxe cos xogos Arcade Trash & Furious
Cerceda, a 22 de xaneiro de 2024.- Un total de 80 escolares do municipio coruñés de Melide (A Coruña), concretamente do CEIP Martagona, visitaron a pasada semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer o tratamento que reciben os residuos que xeran no centro e nos seus propios fogares.
Durante a xornada, puido constatarse o seu alto nivel de participación e amplos coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais, tendo moi interiorizados conceptos tan importantes na protección ambiental como son o consumo responsable, a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe.
No ámbito da segregación de refugallos en orixe e posterior depósito de cada fracción nos correspondentes contedores de recollida selectiva, demostraron ter moi claro o que debe -e non debe- depositarse en cada recipiente, sendo conscientes de que a separación en orixe constitúe un xesto esencial para que as taxas de reciclaxe sexan cada vez maiores.
Tralas habituais explicacións dos educadores, os escolares melidenses tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas instalacións de Sogama, equipándose para isto con lentes inmersivos 360º; unha experiencia que foi do agrado de todos eles e que culminou cos xogos Arcade “Trash & Furious”, onde evidenciaron o seu amplo dominio da reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación