- Os laureados deste ano inclúen a unha ministra dos Pobos Indíxenas, un defensor do medio ambiente, unha iniciativa de agricultura sostible, un defensor dos dereitos Indíxenas, un científico centrado na forestación e un ecoloxista pioneiro
- Desde 2005, o premio entregouse a 122 persoas e organizacións polo seu liderado ambiental excepcional e inspirador
Cerceda, a 13 de decembro de 2024.- O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) anunciou esta semana as persoas que foron recoñecidas co galardón Campións da Terra 2024, distinción coa que se rende homenaxe ao seu liderado excepcional, accións valentes e solucións sostibles para facer fronte á degradación das terras, a seca e a desertificación.
Os laureados deste ano inclúen a unha ministra dos Pobos Indíxenas, un defensor do medio ambiente, unha iniciativa de agricultura sostible, un defensor dos dereitos Indíxenas, un científico centrado na forestación e un ecoloxista pioneiro.
- Sonia Guajajara, Ministra dos Pobos Indíxenas de Brasil e galardoada na categoría Liderado Político, defendeu os dereitos Indíxenas durante máis de vinte anos. Baixo o seu liderado, recoñecéronse 13 territorios como pertencentes aos Pobos Indíxenas co obxectivo de evitar a deforestación, a talla ilegal e o narcotráfico.
- Amy Bowers Cordalis, defensora dos dereitos Indíxenas, galardoada na categoría Inspiración e Acción, utiliza a súa experiencia xurídica e a súa paixón pola restauración da natureza para asegurar un mellor futuro en beneficio da tribo yurok e o río Klamath, nos Estados Unidos de América.
- Gabriel Paun, defensor do medio ambiente procedente de Romanía, galardoado na categoría Inspiración e Acción. É o fundador da ONG Agent Green, que desde 2009 axuda a salvar milleiros de hectáreas de preciosa biodiversidade nos Cárpatos ao denunciar a destrución e a talla ilegal do último bosque primario de Europa.
- Lu Qi, científico procedente de China galardoado na categoría Ciencia e Innovación, traballou nos sectores científico e político durante tres décadas axudando a China a reverter a degradación da natureza e a reducir os seus desertos.
- Madhav Gadgil, ecoloxista procedente de India galardoado na categoría Traxectoria de Vida, dedicou décadas a protexer ás persoas e o planeta a través da investigación e o compromiso coa comunidade. O seu traballo comprende desde avaliacións de impacto ambiental sobre as políticas estatais e nacionais ata a participación en iniciativas comunitarias en prol do medio ambiente.
- Sekem, unha iniciativa de agricultura sostible galardoada na categoría Visión Emprendedora, está a axudar a máis de 40.000 agricultores en Exipto a facer realidade a transición cara a unha agricultura máis sostible de aquí ao ano 2025.
En marzo de 2019, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou unha resolución que estableceu o período 2021-2030 como o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas. A campaña #GeneraciónRestauración do PNUMA ten como obxectivo apoiar un progreso máis acelerado nos compromisos de restauración da natureza ao xerar un maior respaldo para a Axenda 2030.
A nivel mundial, os países comprometéronse a restaurar mil millóns de hectáreas de terras de aquí a 2030, mentres que as tendencias actuais suxiren que se necesitaría restaurar 1.500 millóns para cumprir cos obxectivos de neutralidade de degradación das terras por cumprirse en 2030.
O premio anual Campións da Terra é o máximo recoñecemento ambiental da ONU. Este galardón concédese ás persoas pioneiras que lideran os esforzos para protexer ás persoas e o planeta. Desde 2005, o premio entregouse a 122 persoas e organizacións polo seu liderado ambiental excepcional e inspirador.
Fonte e imaxe: PNUMA