- Consumir de forma responsable, deixar de fumar, facer exercicio mentres se limpan praias, investir en produtos sostibles e viaxar minimizando a pegada ecolóxica, algunhas das recomendacións.
Cerceda, a 3 de febreiro de 2020.- O programa Mares Limpos de ONU Medio Ambiente, ao que xa se adscribiron moitos países, continúa co seu plan de acción e, no marco deste novo ano que acaba de comezar, comparte cinco boas prácticas a adoptar pola cidadanía para evitar que o lixo, fundamentalmente os plásticos, contaminen mares e ríos.
1. Fai exercicio mentres coidas dos mares
Os océanos proporciónannos aproximadamente o 70% do osíxeno que respiramos. Unha boa forma de axudar a preservalos é limpar praias ou facer “plogging” (recoller lixo mentres trotas).
2. Deixa de fumar
Ademais dos seus perniciosos efectos para a saúde, hai outra razón de peso pois, ao fumar, contribúese a aumentar a cantidade de plástico nos océanos. Cada día cómpranse 18.000 millóns de cigarros no mundo, todos con filtros plásticos e químicos tóxicos que, co tempo, terminan prexudicando ao medio ambiente e ameazando a vida das especies mariñas. As cabichas son os principais residuos recollidos nas costas.
3. Consome de forma responsable e mellora a túa dieta
Adquire só os alimentos que necesites, elixe aqueles coa menor cantidade de envases e envoltorios plásticos e opta por unha bolsa reutilizable para a compra.
Ao evitar os refugallos plásticos, axúdase tamén a reducir a cantidade de microplásticos que poderían chegar ao océano e eventualmente contaminar os alimentos que se consumen.
E se se compran mariscos, é conveniente asegurarse de que sexan obtidos de xeito sostible. As prácticas de pesca inadecuadas e o abandono dos equipos pesqueiros, como as redes pantasma, representan unha ameaza para os animais mariños, que a miúdo se enredan nestes aparellos e morren asfixiados ou acaban feridos.
4. Aforra diñeiro á vez que coidas os océanos
Inviste en produtos sostibles e amigables co océano. Considera alternativas novidosas que contribuirán a que reduzas a produción de lixo e os teus gastos como os cepillos de dentes de bambú e as barras de champú. Estas medidas axudarán a aforrar diñeiro a longo prazo.
5. Viaxa de forma sostible
Esfórzate en “non deixar pegada”. Por exemplo, leva os teus propios artigos de tocador e a túa botella de auga reutilizable. E, se usas protector solar, cerciórate de que non conteña microplásticos e que sexa seguro para os arrecifes.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación