- O país centroafricano ve na economía circular unha oportunidade para a protección do medio ambiente, o crecemento económico e a creación de emprego.
- Elixiu o modelo Sogama polo seu carácter integral, xa que aplica de forma prioritaria a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable.
- Tras ser recibida polo presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez, o director xeral desta entidade pública, Isidro García, foi o encargado de explicar as características do sistema Sogama e o proceso de ampliación do complexo cercedense, que traerá consigo máis reciclaxe e menos vertido.
Cerceda, a 16 de maio de 2019.- A elevada produción de residuos constitúe unha problemática que non entende de fronteiras e a República Democrática do Congo tamén ve na economía circular unha oportunidade para a protección ambiental, o crecemento económico e a creación de emprego.
Neste marco, unha Delegación política e técnica deste país centroafricano, acompañada da empresa senegalesa PANAFRICAN GREEN ENERGY, importante promotor de plantas de valorización de residuos africano que conta con máis de oito instalacións en desenvolvemento, viaxou a Galicia para coñecer de primeira man a actividade de Sogama, entidade pública que xa constitúe todo un referente no mundo. A elección do modelo galego obedeceu fundamentalmente ao seu carácter integral, xa que, conforme á normativa europea, aplica de forma prioritaria a estratexia dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable a fin de poñela en valor con todas as garantías medioambientais e evitar o seu vertido, a peor das opcións. Non en van, a electricidade producida en Sogama equivale ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.
A Delegación do Congo foi recibida polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o seu director xeral, Isidro García Téllez, encargándose este último de explicar a operativa da compañía e a súa xestión na comunidade galega, onde dá servizo actualmente e 295 concellos ou, o que é o mesmo, a máis de 2.242.000 habitantes.
A AMPLIACIÓN DE SOGAMA, PUNTO DE INTERESE
García Téllez explicou tamén o proceso de ampliación de Sogama e o alcance do mesmo , xa que propiciará que a empresa incremente nun 81% a súa capacidade de tratamento (pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000).
A primeira fase do proxecto culminou o pasado mes de novembro coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo masa e a segunda fase, en desenvolvemento, chegará ao seu fin a mediados de ano trala remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Con esta substancial mellora, a Sociedade Galega do Medio Ambiente pasará a converterse na infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa e nunha das de maior entidade a nivel mundial.
O colectivo africano tivo a oportunidade de facer un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo industrial de Sogama, deténdose especialmente na nova planta, concibida no seu momento en liña coa industria 4.0 e cuxo nivel de automatización permítelle separar do residuo convencional ata 11 tipoloxías de material que remite aos centros recicladores.
Desta forma, Sogama multiplicará por catro a súa achega ao reciclado e reducirá a mínimos o uso do vertedoiro, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%), é dicir, que só se verta aquela parte do lixo que non se poida reciclar ou valorizar enerxeticamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación