- Representantes da Consellería de Auga, Agricultura, Gandería, Pesca e Medio Ambiente da Comunidade Autónoma de Murcia, visitaron esta mañá o epicentro da actividade industrial desta empresa pública para coñecer o seu funcionamento.
- A comitiva murciana estaba integrada polo director xeral de Medio Ambiente, o xefe de servizo de Xestión e Disciplina Ambiental e a xefa de servizo de apoio técnico á Dirección Xeral da Auga, os cales estiveron acompañados pola directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia e o presidente de Sogama.
- Ademais de efectuar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense, desprazáronse tamén ao vertedoiro de Areosa.
Cerceda, a 14 de xullo de 2021.- Unha delegación da Consellería de Auga, Agricultura, Gandería, Pesca e Medio Ambiente da Comunidade Autónoma de Murcia, visitou esta mañá o Complexo industrial de Sogama en Cerceda como referente na xestión circular e sostible dos residuos urbanos xerados na meirande parte do territorio galego.
O director xeral de Medio Ambiente da Consellería murciana, Francisco Marín Arnaldos, xunto co xefe de servizo de Xestión e Disciplina Ambiental, Jorge Ibernón González, e a xefa de servizo de apoio técnico á Dirección Xeral da Auga, Marisol Cano Castillo, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense e polas que discorren os residuos urbanos recibidos por esta empresa pública a fin de darlles o mellor tratamento: selección e envío da parte reciclable á industria transformadora, e valorización enerxética da fracción non reciclable para a súa conversión en electricidade.
Previamente, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, acompañado pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez-Casteláns, foi o encargado de explicar os pormenores do modelo Sogama e a súa evolución ao longo do tempo, posicionándose hoxe como o máis moderno e eficiente da Unión Europea.
O máximo responsable da entidade tamén falou dos retos e proxectos de futuro, que estarán centrados prioritariamente na valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón.
Con tal fin, a compañía galega, baixo as directrices da Xunta de Galicia, habilitará unha rede de infraestruturas que estará conformada por tres novas plantas de biorresiduos a localizar en Cervo, Verín e Vilanova de Arousa, e que se sumarán á que está a funcionar en Cerceda baixo a xestión de Sogama. Estas instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia que serán adaptadas para transvasar nas mesmas a materia orgánica recollida polos concellos a través do quinto contedor, propiciando a súa transformación en compost, un abono natural que será utilizado na xardinería e agricultura.
A comitiva tamén se desprazou ata o vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama en Areosa, relegado a acoller aquela parte dos refugallos que, dadas as súas características, non pode ser reciclada nin valorizada enerxeticamente, tomando boa nota do seu funcionamento (o 85% da súa superficie xa se atopa selada).
COLABORACIÓN INSTITUCIONAL
Javier Domínguez agradeceu á Consellería de Medio Ambiente de Murcia o seu interese na actividade de Sogama, así como a oportunidade que esta visita brindou ás partes para o intercambio de experiencias e coñecementos, un labor esencial para seguir avanzando na mellor xestión dos residuos, xa que, tal e como manifestou, “o lixo representa un problema global que non entende de fronteiras e ao que se pode, e debe, facer fronte desde a colaboración”.
Saúdos, Departamento de Comunicación