- Liderada polo MInistro de Economía, Investimentos e Enerxía, Msaide Houmed Comorienne,Visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda.
- Esta cita ten lugar precisamente cando a compañía pública atópase pechando os últimos flocos do proceso de ampliación desta infraestrutura, que lle permitirá incrementar a súa achega á reciclaxe e acadar en 2020 ao vertido técnico cero.
- Trala recepción por parte da Dirección de Sogama, a comitiva, acompañada por representantes da empresa senegalesa Panafrican Green Energy, tivo a oportunidade de coñecer in situ o percorrido que segue o residuo desde que entra na planta ata que sae convertido en recurso.
Cerceda, a 15 de novembro de 2019.- O modelo Sogama traspasa fronteiras e as súas bondades chegan mesmo ata o Índico.
Unha delegación política das Illas Comores, estado insular ubicado entre as costas de Madagascar e Mozambique, e encabezada polo Ministro de Economía, Investimentos e Enerxía, Msaidie Houmed Comorienne, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda co fin de coñecer o seu cometido e os procesos industriais que se levan a cabo no mesmo.
A comitiva política estivo acompañada por representantes da empresa senegalesa Panafrican Green Energy, promotor africano de plantas de valorización de residuos que conta con máis de 8 instalacións destas características en desenvolvemento.
A cita ten lugar precisamente cando a Sociedade Galega do Medio Ambiente atópase pechando os últimos flocos do proceso de ampliación desta infraestrutura, que contemplou a construción e equipamento dunha nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo convencional e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
MÁIS RECICLAXE E MENOS VERTIDO: ASPIRACIÓN UNIVERSAL
Ambas instalacións atópanse neste momento en fase de coordinación, reforzando así o espírito da Sociedade, que non é outro que dar prioridade ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e complementalo coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, en plena sintonía coas directrices europeas e a economía circular.
Coa ampliación, o Complexo de Sogama incrementou a súa capacidade dun 81%, podendo tratar en condicións óptimas 1 millón de toneladas de residuos cada ano, é dicir, todos os refugallos domésticos xerados en Galicia se así fose necesario.
A nova planta, concibida en liña coa industria 4.0, logra separar automaticamente (lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault, etc) ata 11 tipoloxías de materiais (distintos plásticos, papel e cartón, vidro, etc) procedentes do contedor verde xenérico, contribuíndo desta forma a incrementar as taxas de reciclado e a diminuír o uso do vertedoiro de Areosa.
Con esta mellora, o vertido baixará en 2020 ao 10%, o que se coñece como vertido técnico cero, conformando esta fracción, única e exclusivamente, aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente. Desta forma, Sogama cumpre, con 15 anos de antelación, as directrices europeas na materia.
Trala recepción por parte da Dirección de Sogama, a delegación efectuou un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense a fin de coñecer de primeira man o circuíto que segue o residuo desde que se recepciona en Sogama ata que se converte en recurso, ben mediante a súa remisión á industria transformadora, onde é reciclado, ben mediante a súa conversión en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable. Un proceso que, como non podía ser doutro xeito, lévase a cabo coas mellores tecnoloxías dispoñibles e exhaustivos controis que lle permiten compatibilizar a súa actividade industrial coa protección da contorna e a saúde pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación